Rodríguez Fer e Murado publican senllos poemarios en Xerais

LUGO

«A loita continúa» e «Lapidario» seguen fieis ao estilo dos autores Están editados, ao prezo de 11,50 euros, na colección «Literaria-Poesía»

31 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A actividade creadora do poeta, investigador e profesor do campus Claudio Rodríguez Fer non se detén. Organizador do curso de verán sobre amor e literatura, a celebrar en xullo, e coordinador das revistas Moenia e Unión Libre , vén de publicar un novo poemario, en Edicións Xerais. O título xa define as intencións de Rodríguez Fer, A loita continúa . Se a poesía é o xénero máis persoal dos literarios, o libro do autor lucense é un compendio dos medos, das pegadas históricas, dos amores, en definitiva, da vida dun poeta. Dende Xerais destacan que o poemario «trata dunha poesía integral sobre a vida a través da autenticidade e do descoñecemento e da radicalidade». Como apéndice ao libro, inclúese o esperpento histórico e escénico do «Gran Tirano que creamos, que padecemos e que mesmo levamos dentro», sinalan dende Xerais. Diálogo Desta maneira aborda o escritor, poeta e xornalista lucense Miguel Anxo Murado o seu último libro, Lapidario , editado tamén por Xerais. O autor revisita boa parte da súa producción -en 1990 foi finalista do premio Esquío con Lapidarios dos heterodoxos -, amosando a súa fascinación pola brevidade e a exactitude. Murado bota man do xénero do epitafio, onde os personaxes dialogan entre si coma se participasen nun pequeno teatriño infantil. Tanto o libro de Rodríguez Fer como de Miguel Anxo Murado pódense atopar na colección Edición Literaria-Poesía , ao prezo de 11,50 euros cada un. É de destacar a aparición en maio do libro Solimán , do escritor e xornalista Xesús Fraga, co que o autor betanceiro, pero con vínculos lucenses, gañou o premio de narrativa Rubia Barcia-Cidade de Ferrol 2003. Novela sobre a amizade e os primeiros amores ao longo dos anos, nun contexto histórico como foi o remate da década dos setenta e o inicio dos oitenta. Unha obra sobre a memoria e que segue fiel ao estilo do xornalista.