Axudas ó Real Madrid

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

19 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

E VAN dúas na mesma semana. Unha na Copa do Rei, onde Valdano rendibilizou ben o soldo que cobra. E outra fronte ó Valencia en partido de liga, cun gol dubidoso no último minuto. A todos nos viría moi ben un penalti así no último minuto, pero non é momento este de filosofar. Vaiamos ó do fútbol. Xa se sabe da transcendencia deste deporte, miren se a ten que até incluso deu nome á guerra que enfrontou a Honduras con El Salvador. ¡Arre demo!, miren por onde viñen toparme co ministro de Defensa. ¿Lémbranse? «¡Viva Honduras!», berrou tan orgulloso el. E resulta que era El Salvador. En fin, ó que íamos, o do fútbol alcanza grao de acontecemento social cada semana. Así que véxome obrigado a deixar a miña apatía para con el, para preguntarme se efectivamente o Real Madrid é o equipo das megaestrelas. Non debe selo tanto cando precisa de tantas axudas, digamos que non todas legais. Porque, ou os árbitros queren ser tamén estrelas coma eles, ou alguén non dá o que tiña que dar de si. Pero como todo isto esquecerase nada máis comezar o seguinte partido, cando remate a liga e gañe, ninguén porá en dúbida que é o mellor equipo do mundo.