O poeta galego Lorenzo Varela morreu nunha rúa de Madrid hai hoxe 25 anos

La Voz LA VOZ | LUGO

LUGO

Varios escritores participarán o sábado en Monterroso nunha homenaxe ó autor de «Lonxe» Un busto do escultor Ferreiro Diéguez lembrará ó destacado intelectual na vila dos seus devanceiros

24 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Na madrugada do 25 de novembro de 1978, hai hoxe xustamente cinco lustros, derrubouse nunha rúa de Madrid o poeta galego Lorenzo Varela, quen regresara do exilio dous anos antes. Morreu minutos despois na ambulancia que o trasladaba a unha clínica. Agora, co gallo do vixésimoquinto cabodano do escritor, Monterroso, o municipio dos seus pais -el naceu no barco no que a familia emigraba cara a Cuba-, tributaralle unha xornada de homenaxe ó autor de textos senlleiros da poesía galega como Lonxe e Catro poemas pra catro grabados. O amplo programa de homenaxe, que se desenvolverá o vindeiro sábado e que contará coa participación de varios escritores galegos, comprende unha conferencia, a presentación de dous libros, a inauguración dunha exposición fotográfica, concertos musicais, unha mesa redonda, un recital poético e unha ofrenda floral. Tamén será descuberto un busto de Lorenzo Varela, obra do escultor Ferreiro Diéguez, que será colocado na praza de Santa Lucía da vila. Destacado escritor en galego e castelán, activo partícipe en ducias de iniciativas culturais durante a Guerra Civil e no exilio mexicano e arxentino, a obra de Lorenzo Varela mereceu as louvanzas de autores como Pablo Neruda, Octavio Paz, Juan Ramón Jiménez, entre outros.