Un bo rapaz cun brillante futuro

Xavier Lombardero LUGO

LUGO

LOMBARDERO

En directo | Luis Tosar, o actor de Cospeito, foi homenaxeado en Láncara Destacados persoeiros do mundo audiovisual, da cultura e da política galega destacaron a forza da imaxe e da palabra que transmite o intérprete nos seus traballos

04 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

? Val de Láncara amenceu onte soleado para recibir a Luis Tosar, un rapaz de Cospeito que xa pode presumir dun premio que lle recoñece a súa contribución á cultura galega. E iso que, presumir, presumir, Tosar non ten pinta, nin lle agroma carácter de presumido. Tampouco é, se cadra, tan ocorrente coma os seus amigos e directores, pero, no seu ton baixo e un galego perfectamente claro, axiña se fai coa parroquia. Onte, na homenaxe que lle rendeu a asociación cultural Val de Láncara, Antón Reixa dixo del que, fundamentalmente, é boa persoa, é capaz de aprender nove follas de guión e non equivocarse, e conta cunha das miradas máis expresivas do cine europeo. O que non é pouco. Definitivamente acelerado (lanzado xa estaba) cara ó trunfo nas pantallas, de volta co premio no festival de San Sebastián, Tosar agradeceu o agasallo e a confianza dalgúns cando non era famoso. «A forza da imaxe e da palabra», «encerra as mellores esencias do espírito da nosa terra», lle chufaron os de Val de Láncara ó actor de Los lunes al Sol , O Matachín , Mareas Vivas , Te doy mis ojos , O lapis do carpinteiro . Tosar pouco pasa aínda dos trinta pero ten un importante presente e adivíñaselle un brillante futuro. Ten madeira, ven dunha familia boa, como dixo Reixa, conta co apoio dun clan mediático importante no que tamén está Javier Bardem, é unha persoa militante e, como dixo Isaac Díaz Pardo, «é moi importante que se lle recoñeza fóra de Galicia». Xunto ó xuis , o algarrobo ou o Sean Connery , como tamén o coñecen os espectadores e lle chaman os amigos, estivo onte unha marea de xente congregada por Carlos López Sierra. Alí en Láncara, onde logo hai tantos bustos e placas como mazás sen apañar, chegaron Xosé Manuel Beiras, Fernán Vello (que leu un poema de Manuel Rivas), Pestana, Lareu, Carlos Blanco (que dixo de Reixa que é o novo Ramón Piñeiro), Luis Castro Zaera, Siro López, os alcaldes Eladio Capón e Manuel González Capón, Fernando Blanco e Xesús Méndez do BNG, Manuel Martínez do PSOE, Norman Pérez, Carlos Vázquez...por citar algúns. Outros como Uxía Senlle ou Neira Vilas mandaron adhesións. O rapaz ben o merecía.