Xesús Fraga mistura o humor e a melancolía en «Tute para catro»

REDACCIÓN LUGO

LUGO

PRADERO

01 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Maxia, humor, música, e sobre todo as cartas da baralla, foron os protagonistas da presentación do primeiro libro que publica o xornalista Xesús Fraga Tute para catro, editado por Xerais. O Mago Antón encargouse de facer a presentación do acto cun espectáculo que divertiu ás máis de corenta persoas que asistiron a Caixa Galicia. A primeira obra do xove betanceiro, aínda que nado en Londres, Xesús Fraga, son sete relatos curtos sobre a vida de xente perdedora. O autor define o volume como unha mistura de humor e melancolía. «Sen humor a literatura é inconcebible». Tute para catro ten como referentes os contos populares galegos, as vidas frustradas dos universitarios, a narrativa pequena dun mestre como Ignacio Aldecoa, ou a existencia de personaxes que non chegaron ós trinta anos. Na presentación do libro estivo o escritor lucense Xosé Miranda, quen resaltou a ollada das pequenas cousas que conseguiu contar Xesús Fraga. O contacto coa xente, cos oficios, coas súas verbas, en definitiva o realismo, son as notas que amosa unha obra con sorpresas líricas. Abismos No acto celebrado onte á tarde tamén acudiu o director da colección Abismos, Fran Alonso. Ademais de Tute para catro, pódese mercar neste catálogo a obra Dubido sen matei a Lena e Narradoras, un tomo onde 25 xóvenes mulleres amosan ós seus primeiros pasos na literatura. Entre os asistentes que acudiron a Caixa Galicia -no que non faltaron amigos escritores, artistas e mesmo políticos -estiveron as cantareiras do colectivo cultural María Castaña. Xesús Fraga quixo que estiveran dado que unha das cancións deste grupo inspirou un dos relatos que se poden ler en Tute para catro. Tal e como se desenvolveu a presentación, así é o libro. Sinxelo, alegre e que deixa un bo regusto no tempo.