O Solidarity Fest combaterá o cancro dende o pazo de Torrado coa música de Ortiga e Guadi Galego

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

TABOADA

Martina Miser

O recaudado neste certame solidario servirá para financiar as investigacións do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela

08 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A fundación Condado de Taboada, da man do Concello de Cambados e outras entidades, leva este fin de semana ao pazo de Torrado o Solidarity Fest, unha cita que servirá para recadar fondos para a investigación contra o cancro.

Tres xornadas de música e cociña —intercalaranse concertos con showcookings— das cales a que trae unha programación máis cargada é o sábado, con artistas da talla de Ortiga ou Guadi Galego. Completan a nómina Leirabuxo, Duele e as pinchadas de Rapariga DJ, Señora DJ e DJ Amable e as mostras de cociña de O Loxe Mareiro e Habaziro.

O venres será o día de Cacabelos e G. Rich, mentres que o domingo tocarán Cora e a Orquestra Sinfónica Jóven de Pontevedra e será Veracruz quen presentará ante o público as súas receitas.

O prezo das entradas para o segundo día é de 25 euros, mentres que no caso do venres e o domingo o público poderá facer a achega que considere para acceder ao recinto. O recadado irá destinado a financiar os proxectos da área de oncoloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

Dentro do recinto haberá a posibilidade de saciar a fame coa presenza de postos de comida, ao estilo dun festival de música en temporada alta.

Ao mesmo tempo que se celebran os concertos, os máis pequenos poderán gozar de inchables e talleres creativos a cargo de Nordelaina.

Non serán estas as única actividades que leve a cabo o Solidarity Fest, dado que a organización prepara tamén un torneo solidario de pádel que se celebrará o día 19 nas pistas de Sete Pías.