Loureiro de ouro para a familia de Willy

o. p. LALÍN / LA VOZ

TABOADA

cedida

Cruz Taboada, irmá do recordado artista, recolleu a distinción de Focucu

13 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Foro para Cultivos Culturais de Lalín, Focucu, vén de cumprir coa entrega do galardón Loureiro de Ouro, que creou hai unha década para recoñecer a persoas individuais ou colectivas que pola súa traxectoria persoal, profesional, cultural e veciñal se fan exemplo de concordia e progreso social. E nesta ocasión o Loureiro de Ouro 2020 foi para a familia de Antonio Taboada, Willy, desaparecido hai 15 anos.

O colectivo recolle como méritos para a entrega do galardón o incansable apoio ao fillo e irmán artista, así como ser unha familia aberta á ampla comunidade das artes plásticas e literarias, sustentando desde o rural unha obra artística que trascende fronteiras. Apunta ademais Focucu a súa loita constante pola memoria de Willy e o seu legado artístico, así como pola conservación dunha obra en perigo de perda e en necesidade de restauración.

Suliñan tamén á familia de Taboada como «promotora de iniciativas sociais, culturais e pedagóxicas, para a preservación e posta en valor da obra de Willy. Difusora da obra de Willy na súa faceta museística e tamén de maneira espallada e pública a través da «adopción» de obra». Doutra banda, sinala Focucu que son incombustibles ao desalento pola escasa axuda das institucións públicas, a claridade na trascendencia da obra de Willy, e que son «memoria viva da alegría e a bondade de Antonio Taboada Willy», un artista con obra en distintos edificios públicos de Lalín.