«A violencia machista no rural está máis tapada que no medio urbano»

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

TABOADA

Rosario Regueira publicou con anterioridade outras dúas novelas
Rosario Regueira publicou con anterioridade outras dúas novelas CEDIDA

Regueira presentará o sábado en Taboada a súa terceira novela, «Compañeira, non serva»

13 nov 2019 . Actualizado a las 18:26 h.

O salón de actos do cuartel vello de Taboada acollerá o sábado -ás 18.30 horas- a presentación de Compañeira, non serva, a terceira novela de Rosario Regueira, escritora taboadesa residente en Lugo desde hai dúas décadas. A obra foi publicada pola editorial Toxosoutos.

-De que trata esta novela?

-O libro conta a vida de varias xeracións de mulleres galegas, entre 1920 e 1989, que sufriron de diferentes maneiras a violencia machista. Son todas mulleres do mundo rural, un medio onde esta violencia posiblemente está máis tapada e pasa máis desapercibida que no medio urbano e onde as mulleres teñen máis dificultades para loitar contra ela.

-Por que motivo?

-Porque a sociedade rural, a pesar dos cambios que experimentou, é un mundo máis pechado e aillado no que aínda non está ben visto que se fale destas cousas. E as mulleres das aldeas e das vilas pequenas que sufren estes problemas non teñen tanta facilidade como as que viven nas zonas urbanas máis importantes para ir pedir axuda aos centros de atención ou ás asociacións. No rural as mulleres están máis controladas e teñen que dar explicacións cando saen da súa casa para ir a algún sitio. Ademais da violencia física directa, tamén está o trato discriminatorio e os micromachismos, que son outra forma de violencia. Por exemplo, cando as vacas se munguían a man, ese labor era reservado ás mulleres. Cando apareceron as máquinas de munguir, pasou a ser un traballo de homes, porque as mulleres non parecían bastante responsables nin capacitadas para manexar máquinas.

-Por que escolleu ese marco temporal, entre os anos 20 e 80 do século pasado, para situar a súa historia?

-Escollín ese período histórico porque quixen mostrar as distintas formas de opresión que se deron en diferentes épocas. A parte da historia situada nos anos 20 está protagonizada por unha muller de ascendencia fidalga casada cun home que a buscou unicamente para mellorar a súa situación persoal. A súa filla viviu en pleno franquismo, nunha situación que non lle permitiu estudar nin buscar outros horizontes de vida. Na novela presento outra tipoloxía, a da muller que adopta unha actitude masculina para sobrevivir nun mundo dominado polos homes, o que a leva a desatender á súa filla cando é vítima do maltrato.

-En que medida se basea a novela en situacións reais?

-Como teño moi pouca imaxinación para inventar historias, en todas as miñas novelas parto de feitos reais que puiden coñecer de forma directa ou indirecta. Son unha muller de aldea e vivín boa parte da miña vida no mundo rural, e as historias que se contan na novela están inspiradas en situacións reais das que cheguei a saber por diferentes vías. É unha obra de ficción e as mulleres das que fala o libro non aparecen cos seus nomes verdadeiros, pero todas estas historias sucederon na realidade en maior ou menor medida.

-Cre que libros como o seu poden axudar dalgunha forma a combater este problema?

-No meu libro non xulgo nada, porque non son quen para xulgar, nin tampouco dou receitas para remediar as cousas, porque non as teño. Limítome a constatar situacións que existen. A violencia machista é algo que existiu sempre, que segue existindo e que seguirá aí se non facemos algo para remedialo, pero nin un libro nin moitos libros poden facer que desapareza. Como moito, podería esperar que faga reflectir sobre o seu propio comportamento e cambiar de actitude a algunha das persoas que lean o libro.