A estatua castrexa de Ralle protagonizará unha xornada cultural en Taboada

A actividade, organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, celebrarase este sábado

A cabeza ou busto de Ralle consérvase nunha casa particular da localidade do mesmo nome, no municipio de Taboada
A cabeza ou busto de Ralle consérvase nunha casa particular da localidade do mesmo nome, no municipio de Taboada

A chamada cabeza de Ralle, unha valiosa peza arqueolóxica da época castrexa conservada na localidade do mesmo nome, protagonizará unha xornada cultural que a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) organizará este sábado no municipio de Taboada, baixo o lema «Historias de cabezóns e loitadoras». A actividade inscríbese nas chamadas «polafías», que promove a sección de literatura de tradición oral da mencionada entidade. A palabra «polafía», segundo explican desde a AELG, «é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical galego».

O programa comezará ás 11.30 horas cunha recepción aos participantes no establecemento de turismo rural Casa do Romualdo, na parroquia de Vilela. Media hora despois, os asistentes desprazaranse ata Ralle para ver a peza arqueolóxica -gardada nunha casa particular- e un importante conxunto de esgrafiados que se conserva na mesma localidade. A visita será guiada polo historiador e etnógrafo Xosé Manuel Vázquez. As dúas da tarde haberá un xantar de confraternización na Casa do Romualdo.

A «polafía» propiamente dita iniciarase neste mesmo lugar ás 17.00 horas e comprenderá unha actuación musical a cargo de Francisco Almuíña e intervencións de varios veciños do municipio e da comarca, que interpretarán cantigas populares e narrarán contos e lendas tradicionais. Como en todas as «polafías», esta actividade será gravada en vídeo e difundida na web da AELG,.

A entrada é libre, pero as persoas que queiran asistir ao xantar deberán abonar dezaseis euros. As prazas son limitadas e hai que facer reserva previa chamando aos teléfonos 982 455 01 e 650 226 646.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Tags
Comentarios

A estatua castrexa de Ralle protagonizará unha xornada cultural en Taboada