O servizo de teleasistencia gratuíto da Deputación axuda a 1.600 maiores da provincia

La Voz

TABOADA

Ao longo do 2018 atendeu a 1.773 usuarios de toda a provincia, o que supón
un incremento do 17,26% con respecto ao 2017

22 feb 2019 . Actualizado a las 16:23 h.

O Servizo de Teleasistencia gratuíto que ofrece a Deputación atende na actualidade a 1.629 maiores de toda a provincia. Unha delas é unha veciña de 80 anos, do concello de Taboada, onde tamén dispoñen deste servizo outras vinte persoas, e que recibiu a visita da deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo. A través da teleasistencia, financiado con 324.000 euros, a deputada socialista sinalou que se favorece a permanencia e integración no entorno familiar e social dos maiores da provincia.

A Deputación de Lugo ofrece este servizo a persoas catalogadas como dependentes, pero tamén a non dependentes. Durante o ano pasado o servizo de teleasistencia atendeu a 1.773 usuarios de toda a provincia, o que supón un incremento do 17,26 % con respecto ao 2017. O perfil maioritario das persoas que reciben este servizo gratuíto é o de mulleres maiores de 80 anos.

A teleasistencia a todos os maiores da provincia garante a atención as 24 horas do día e os 365 días do ano. Con este servizo, os usuarios e os seus familiares gozan dunha maior tranquilidade sabendo que, a pesar de vivir sós, na maioría dos casos, contan cun sistema de chamada en situacións de emerxencia.

Ademais, a teleasistencia da Deputación chega a núcleos illados no rural, nos que o número de veciños é moi reducido, polo que ademais de ser un servizo de atención en casos de urxencia, convértese nun acompañamento para moitos maiores a través de charlas telefónicas. No ano 2018, realizáronse un total de 2.773 chamadas por parte dos usuarios para falar ou saudar aos teleoperadores do Centro de Atención.

Seguemento completo

A través deste servizo realízase un completo seguimento e mantense contacto coas persoas usuarias a través de comunicacións e chamadas diarias, semanais ou quincenais, dependendo da situación de cada persoa usuaria; ou visitas de coordinación como seguimento ou tras unha circunstancia excepcional. No 2018, as chamadas que se recibiron ascenden a 20.155, sendo soamente un 1,70 % do total realizadas a causa dunha situación de emerxencia; isto débese ao labor de comunicación que se realiza dende o Centro de Atención, pois fronte as máis de 20.000 chamadas recibidas, realizáronse preto de 69.000 co fin de realizar un seguimento do usuario completo e semanal.