Sober dedicará unha rúa á pintora surrealista Maruja Mallo, con raíces familiares no municipio

SOBER

O avó materno da artista, José González, era natural da localidade de Naz, na parroquia de San Martiño de Anllo
01 feb 2025 . Actualizado a las 19:28 h.O pleno do Concello de Sober acordou por unanimidade dedicar unha rúa á pintora surrealista Maruja Mallo, con raíces familiares neste municipio. Segundo indican desde o goberno local, o avó materno da artista, José González, era natural da localidade de Naz, na parroquia de San Martiño de Anllo.
A rúa que levará o nome da artista é a que discorre xunto ao colexio público Virxe do Carme, na capital do municipio, que ata agora non tiña denominación oficial. O próximo día 6, coincidindo co trixésimo aniversario do falecemento de Maruja Mallo, o Concello celebrará un acto de homenaxe cos alumnos e profesores do referido centro educativo no que tamén participarán especialistas na vida e na obra da pintora. Nesa rúa instalarase ademais unha placa co nome da artista.
O avó materno da pintora, ferreiro de profesión, naceu e medrou en Naz ata que se mudou a Vigo. Chegou a ser alcalde do desaparecido municipio de Lavadores, que hoxe está integrado no de Vigo. José González casou alí con Emilia Lorenzo e do matrimonio naceu María del Pilar González Lorenzo, nai da artista. Esta contraeu matrimonio en Vigo co madrileño Justo Gómez Mallo, funcionario do corpo de aduanas. A parella tivo catorce fillos, entre os que están Ana María Gómez González —nome de nacemento de Maruja Mallo— e o escultor Cristino Mallo, que ao igual que a súa irmá utilizou como nome artístico o segundo apelido do seu pai.

Maruja Mallo naceu en Viveiro o 5 de xaneiro de 1902 e despois trasladouse coa súa familia a Avilés. Con 20 anos de idade foi estudar na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid, onde se relacionaría con célebres artistas, escritores e intelectuais como Federico García Lorca, Luis Buñuel, Salvador Dalí, Rafael Alberti e María Zambrano. En 1932 trasladouse a París, onde coñeceu a diversos artistas surrealistas —como Joan Miró, Max Ernst, René Magritte e André Breton— e acabou por incorporarse a esta corrente artística. Despois regresou a España e o inicio da Guerra Civil sorprendeuna en Galicia. Durante un tempo viviu oculta na casa du tío seu en Vigo e en 1937 exiliouse en Sudamérica. Residiu primeiramente en Arxentina e despois en Estados Unidos. Regresou a España en 1965 e desde entón residiu en Madrid, onde faleceu o 6 de febreiro de 1995.