Miguel Franqueiro, músico: «Cando viaxo en avión, levo sempre a tuba comigo na cabina»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

SOBER

Miguel Franqueiro coa súa tuba no Teatro alla Scala de Milán, con cuxa orquestra filharmónica está colaborando na actualidade
Miguel Franqueiro coa súa tuba no Teatro alla Scala de Milán, con cuxa orquestra filharmónica está colaborando na actualidade

O director da Banda de Música de Sober participará nunha xira europa da orquestra do Teatro alla Scala de Milán

27 abr 2023 . Actualizado a las 19:57 h.

Desde hai dezasete anos, Miguel Franqueiro Becerra (Boqueixón, 1983) é director da Banda de Música de Sober. Na actualidade, como intérprete de tuba, tamén colabora na orquestra filharmónica do Teatro alla Scala de Milán, coa que participará nunha xira que o mes próximo percorrerá varios países europeos. Dentro desta formación, actuará na Casa de Concertos de Viena —onde se ofrece o célebre recital de Ano Novo—, a sala Brucknerhaus da cidade austríaca de Linz e a sala de concertos Béla Bartók de Budapest. Franqueiro tamén colabora en varias orquestras galegas e españolas, e é profesor de música en diferentes concellos galegos.

—É difícil compaxinar tantas actividades en varios países?

—Non é tanto como pode parecer, porque en ningunha destas ocupacións traballo a xornada completa e os responsables danme moitas facilidades. Para atender estes traballos teño que coller moitos voos en avión e deixar substitutos nos lugares onde non podo estar.

—Que supón participar nunha orquestra tan prestixiosa como a do Teatro alla Scala?

—Supón un reto moi importante e moita presión, pero ao mesmo tempo unha gran satisfacción, porque é unha formación que está a un nivel moi alto. Neste teatro estreáronse óperas de Verdi e outros grandes compositores, é un lugar importantísimo na historia da música e ter a oportunidade de actuar nun sitio como este é algo extraordinario. No aspecto loxístico non é moi difícil porque a orquestra ten unha organización excelente. O único problema que podo ter é chegar alí cos meus instrumentos, porque viaxar con eles en avión é algo complicado. Viaxo sempre levando comigo a tuba na cabina do avión e teño que pagar dúas prazas, porque é un instrumento moi voluminoso. Pero cando chego a Milán xa non teño que preocuparme máis. Entrégolles os instrumentos e eles encárganse de transportalos en condicións de total seguridade ata os sitios onde actuamos.

—Nunca factura os instrumentos cando viaxa en avión?

—Non, porque é a tuba é un instrumento moi delicado e pode sufrir algún dano se viaxa xunto con outras equipaxes. Non me fío e prefiro levala comigo. Ademais, a equipaxe pode extraviarse e non podo esperar días ou semanas para que me devolvan a tuba se chega a perderse. E se desaparece sen remedio, a indemnización que me poderían dar non me compensaría a perda do instrumento.

—Toca outros instrumentos como solista, ademais da tuba?

—En realidade utilizo dúas tubas con distintas afinacións. Nesta xira só vou utilizar unha delas. Con esta orquestra estreeime ademais como intérprete doutro instumento dun tipo menos coñecido, o cimbasso, que é unha especie de antecesor da tuba. É un instrumento de metal baixo que se desenvolveu ao longo do século XIX nas orquestras de ópera italianas, para cubrir o mesmo rango que unha tuba ou un trombón contrabaixo. Por fidelidade histórica, cando se interpretan certas óperas antigas é mellor utilizar o cimbasso e non a tuba, porque esas obras foron composta orixinalmente para este instrumento.

—Canto tempo leva incorporado a esta orquestra?

—Desde finais do ano pasado, pero hai que aclarar que estou participando como colaborador, non como membro fixo. En decembro tomei parte en varias funcións interpretando O Quebranoces de Chaikovskii xunto co ballet e o coro infantil da Scala. En xaneiro participei en representacións de Vésperas sicilianas, unha ópera de Verdi.

—Que obras van interpretar nesta xira de maio?

—Non son óperas, senón pezas sinfónicas. Na Scala hai unha orquestra para as óperas e unha orquestra sinfónica, que é a que vai ofrecer esta xira. Nestes concertos vaise interpretar unha sinfonía de Prokofiev.

—En que outras orquestras está participando?

—Colaboro con frecuencia coa Orquestra de RTVE de Madrid, coa Real Filharmonía de Galicia e a Sinfónica de Galicia, entre outras. Pero tamén actúo con bandas de música galegas, como a filharmónica de Lugo, ou a banda de Rábade. Se estas ou outras formacións me piden que lles bote unha man estou encantado de facelo cando me é posible.