Os cartos do medo

SOBER

FRANCISCO ALBO

10 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai noticias na prensa que axiña fan fortuna e se espallan coma un andazo pola forza que conteñen. Unha destas vibraba hoxe nun bar entre os comentarios dos seareiros. Un home bateu en Sober con nove millóns de pesetas nunha casa que estaba a rehabilitar. O que de primeiras é unha noticia que podería entenderse como afortunada para o protagonista, finalmente ten un aquel de frustración porque o Banco de España xa non lle acepta eses cartos e négase a cambiarllos a euros. Descoñezo os motivos polos que o titular deses feixes de billetes os foi metendo en diversos botes que agachou en diversas estancias da casa. Como deben de ter case medio século, poderiamos dicir que se trata dun bo capital. Se cadra facíao por non confiar nos bancos ou para non pagar impostos, ou as dúas cousas a un tempo. O certo é que me lembrou a un amigo dos meus sogros que, malia ser unha boa persoa e moi rico, non gasta un can e no pasado mesmo movía millóns nos bancos para que lle desen aquelas louzas de regalo que el utilizaba para cumprir nas vodas ás que era convidado. Nunha ocasión en que bebera un chisco de máis, confesoulle á miña sogra que, por temor a un corralito e sospeito que a Facenda, agachou uns lingotes de ouro na leira ao pé da súa casa natal nunha aldea estremeña. Como é evidente, a miña sogra non levou o segredo á tumba e tamén estamos certos de que este amigo non inventou semellante historia. Hai que recoñecer que, á diferenza da persoa de Sober, este si soubo escoller o metal para evitar problemas de humidade e, sobre todo, de valor porque o ouro sempre se cotiza. O que esqueceu é pensar que a vida lle vai alcanzar para gozar del e ignorou que talvez alguén xa estea a agardar a súa morte cun sacho na man.