Morre aos 101 anos en Sober Ruperto Álvarez, o ebanista que facía de todo coa madeira

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

SOBER

Ruperto Álvarez, coas pezas do seu belén, nunha foto do ano 2019
Ruperto Álvarez, coas pezas do seu belén, nunha foto do ano 2019 CARLOS CORTÉS

Comezou a fabricar un belén de 100 pezas cando tiña 97 anos e rematouno despois de cumprir os 99

25 may 2022 . Actualizado a las 18:56 h.

Ruperto Alvarez Vázquez morreu este luns en Sober aos 101 anos. Ebanista xubilado, o seu traballo era tamén a súa principal afección, tanto que Ruperto seguiu utilizando o taller que tiña na súa casa da parroquia de Vilascura moito tempo despois da súa xubilación. Facía de todo coa madeira, desde molduras de ebanistería para casas ata figuriñas de belén ou incluso algunha bicicleta. Seu era o belén de madeira que o Concello de Sober colocou no Nadal do 2020 na Casa da Cultura.

Aquel belén ten 100 pezas. Ruperto fixo a primeira cando tiña 97 anos e cando rematou a última contaba xa 99. Foi o seu último traballo coa madeira. Cando cumpriu os 100 contou nunha entrevista publicada por este diario que deixou de traballar no taller non porque estivese mal de saúde, senón porque xa se cansaba demasiado. Viúvo desde 1973 de Alicia Eireos, unha veciña súa de Vilaescura coa que casou despois de volver da guerra civil cando ela tiña 17 anos e el 26, Ruperto Álvarez deixa dúas fillas, tres netas e unha bisneta. Xubilado desde mediados dos anos 80, naquela entrevista publicada cando cumpriu 100 anos comentaba con retranca que na súa vida fixera de todo, "menos un pequeno".

E efectivamente, Ruperto Álvarez fixo prácticamente de todo na súa vida. Comezou a traballar en 1930, cando tiña só 9 anos, como mozo de servizo dunha familia de gandeiros en Rosende, unha parroquia veciña a Vilaescura. Dous anos despois volveu á súa casa cando morreu un dos seus irmáns e nese momento comezou a aprender a traballar a madeira porque o seu avó precisaba unha roda nova para un carro. Despois de sobrevivir á guerra civil, volveu a Sober e xa non volvería marchar. Xa casado, traballaría máis de 40 anos como labrador e como carpinteiro.

Nos seus últimos anos, aproveitou a súa boa saúde para seguir traballando na madeira. Xa nonaxenario púxose a facer pezas para o belén que no 2020 acabaría exposto na Casa da Cultura. Antes diso, colocábao cada Nadal na rúa fronte á casa do lugar de Vaz na que vivu os seus últimos anos cunha das súas fillas e un xenro. Mantívose activo practicamente ata o final. Nos seus últimos anos xa non saía como antes para xogar ás cartas na cantina, pero si mantiña o constume de dar todos os días un paseo dun quilómetro. Cando lle preguntaban cal era o seu segredo para pasar dos 100 anos sempre dicía que o único que facía falta para conseguilo era «comer ben e traballar moito».

Ruperto Álvarez será enterrado este mércores ás seis da tarde no cemiterio parroquial de Vilaescura. A comitiva fúnebre sairá do tanatorio Monfuner, de Sober, que é onde o seu corpo está sendo velado.

Ruperto Álvarez no salón da súa casa, con marcos e molduras de madeira feitas por el

«Traballando moito e comendo ben, así se chega aos 100 anos»

Carlos Cortés

Gardou vacas, fixo de practicante ocasional, construíu carros, fabricou ataúdes, acertou unha quiniela, e librou por pouco de morrer na guerra por unha bomba que matou a catro dos seus compañeiros. É unha parte da vida de Ruperto Álvarez, que este domingo cumpre 100 anos na súa casa da parroquia de Vilaescura, en Sober. El ten claro o segredo para vivir tanto tempo: «Que como se chega aos cen anos?, pois comendo ben e traballando moito».

A traballar moito comezou Ruperto cando tiña só 9 anos. A esa idade, deixou a casa de seus pais na aldea de Vaz para poñerse a servir a unha familia de gandeiros en Areas, na parroquia veciña de Rosende. Volveu cos pais con 11 anos, cando morreu un dos seus irmáns, e aí foi cando se puxo a traballar na madeira. O seu avó precisaba unha roda para un carro e non tiña cartos para comprala, pero si madeira de sobra. Ramiro traballara uns días cun carpinteiro de Rosende e con el aprendeu o básico do oficio. Non lle foi difícil facelas. As rodas, que aínda están no almacén da súa casa, foron o seu primeiro traballo como carpinteiro.

Seguir leyendo