Por outra parte, Pérez di que o semanario monfortino tiña ademais «un marcado carácter hiperlocal» e tiña varias seccións —tituladas Cousas da vila ou En el Ayuntamiento— nas que aparecían diversas crónicas e noticias sobre os acontecementos máis relevantes do municipio. A publicación tamén contaba con varios corresponsais noutros concellos da comarca de Lemos —como Pantón, Sober e O Saviñao— que asinaban as súas colaboracións como Ramón P. Aceiro, Pedro Rodríguez ou Xesús Pérez e que ás veces empregaban seudónimos.
Ámbito galego
Unha das seccións máis habituais do semanario titulábase A rexión e daba conta de acontecementos doutras partes de Galicia. «Non obstante, o espazo que se lle dedica no xornal é moi breve comparado coas seccións locais ou os editoriais de carácter político», precisa Sabrina Pérez.