Literatura, música e teatro na programación cultural de outono en Sober

La Voz

SOBER

Moncha Prieto é natural da parroquia soberina de Gundivós
Moncha Prieto é natural da parroquia soberina de Gundivós CEDIDA

A primeira cita será este vernres coa presentación de Alma de barro,  a novela da xornalista Moncha Prieto

12 oct 2021 . Actualizado a las 20:09 h.

A presentación da primeira novela da xornalista Moncha Prieto abre esta semana a programación cultural do Concello de Sober para este outono. Serán en total oito convocatorias que rematarán a finais de novembro e que inclúen, ademais de presentacións de libros, concertos, teatro, documentais e outras actividades. Tamén están en marcha as actividades das Merendas con Contos (os venres ás 16:30 horas) e O Eirado das Letras (os martes ás 18:00 horas).

O primeiro acto desta programación de outono chegará este venres, día 15. A xornalista Moncha Prieto, natural de Gundivós, presenta a súa primeira novela. Titúlase Alma de barro e está baseada en feitos reais que aconteceron en diferentes lugares da Ribeira Sacra. A presentación do libro terá lugar no centro sociocultural e comezará as 19:00 horas.

A segunda cita é outra presentación de libro. Trátase de La hora de las golondrinas, de Eleonor Gil. Será o día 23 (12:00 horas) e o acto contará coa presenza da autora.

O día 30 chegará a primeira convocatoria musical deste programa de outono. O dúo formado polo violinista Miquel Muñoz e o pianista Lluís Rodríguez Salvá darán un concerto no centro sociocultural (19:00 horas), nunha actividade organizada polas Xuventudes Musicais de Sober.

Xa no mes de novembro, para o día 6 está programada a proxección do vídeo Nosoutras - Relatos Femininos, a versión audiovisual dun proxecto de homenaxe ás mulleres do mundo rural e de denuncia das actitudes machistas ás que se teñen que enfrontar e que xa fora presentado hai uns meses en formato papel.

Esta programación cultural continúa coa representación o día 19 de novembro da representación de Anacos, a cargo da compañía Ítaca Teatro. Esta obra de teatro forma parte do ciclo Seráns Teatrais que organiza a Deputación de Lugo.

O día 20 de novembro está programada una dobre cita musical, coa que o Concello de Sober e as Xuventudes Musicais conmemoran a festa de Santa Cecilia. Ese día pola mañá celebrase un concerto cos estudantes da escola municipal de música. E para a tarde (19:00 horas) está previsto un concerto da soprano Mireia Tabarró e a intérprete de piano Carmen Santamaría.

A oitava e última convocatoria da programación cultural de outono do Concello de Sober será o día 27 de novembro a representación da obra A tortilla e a peste, da compañía Nova Escena Teatro. Está programado dentro do ciclo Seráns Teatrais.