O Trío Zukan actuará o sábado no hotel Pazo de Sober

La Voz

SOBER

O Trío Zukan combina a percusión, o acordeón e o txistu ou flauta tradicional vasca
O Trío Zukan combina a percusión, o acordeón e o txistu ou flauta tradicional vasca CEDIDA

As Xuventudes Musicais organizan un concerto desta formación vasca, que se distingue pola súa peculiar combinación de instrumentos

05 oct 2020 . Actualizado a las 15:31 h.

O hotel Pazo de Sober acollerá o sábado 10 un concerto do Trío Zukan organizado pola agrupación local das Xuventudes Musicais. A actuación será gratuíta, con aforamento limitado, e comezará ás 19.30 horas. O Trío Zukan, radicado na localidade guipuscoana de Zumaia, foi creado no 2014 e está formado por María Zubimendi, Gorka Catediano e Jon Ansorena. A formación caracterízas polo feito de unir a percusión, o acordeón e o txistu ou flauta tradicional vasca, unha combinación instrumental pouco común para a que non existía un repertorio específico cando o grupo iniciou a súa andaina. Por tal motivo, os integrantes do trío promoveron un proxecto en colaboración con varios compositores a fin de crear un novo repertorio musical adaptado a esta singular combinación de instrumentos.

Segundo indican desde a entidade organizadora do concerto, ata a actualidade o grupo encargou, revisou e estreou máis dunha vintena de obras elaboradas por compositores como María Eugenia Luc, Mikel Chamizo, Hugo Morales, Isabel Urrutia, Francisco Domínguez, Vassilis Filippou, Óscar Escudero, Helga Arias e Sofía Martínez. O Trío Zukan editou en marzo do 2019 o seu primeiro disco, Soinuzko begiradak - Toma 1 (Miradas sonoras - Toma 1), galardoado recentemente co premio da asociación Euskal Herriko Musika Bulegoa Elkartea, que distingue as producións musicais máis destacadas do País Vasco. A formación obtivo tamén o primeiro premio na convocatoria número 94 do concurso anual das Xuventudes Musicais de España.