«Traballando moito e comendo ben, así se chega aos 100 anos»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

SOBER

Ruperto Álvarez no salón da súa casa, con marcos e molduras de madeira feitas por el
Ruperto Álvarez no salón da súa casa, con marcos e molduras de madeira feitas por el CARLOS CORTÉS

Ruperto Álvarez cumpre este domingo na súa casa de Sober un século de existencia

27 sep 2020 . Actualizado a las 17:54 h.

Gardou vacas, fixo de practicante ocasional, construíu carros, fabricou ataúdes, acertou unha quiniela, e librou por pouco de morrer na guerra por unha bomba que matou a catro dos seus compañeiros. É unha parte da vida de Ruperto Álvarez, que este domingo cumpre 100 anos na súa casa da parroquia de Vilaescura, en Sober. El ten claro o segredo para vivir tanto tempo: «Que como se chega aos cen anos?, pois comendo ben e traballando moito».

A traballar moito comezou Ruperto cando tiña só 9 anos. A esa idade, deixou a casa de seus pais na aldea de Vaz para poñerse a servir a unha familia de gandeiros en Areas, na parroquia veciña de Rosende. Volveu cos pais con 11 anos, cando morreu un dos seus irmáns, e aí foi cando se puxo a traballar na madeira. O seu avó precisaba unha roda para un carro e non tiña cartos para comprala, pero si madeira de sobra. Ramiro traballara uns días cun carpinteiro de Rosende e con el aprendeu o básico do oficio. Non lle foi difícil facelas. As rodas, que aínda están no almacén da súa casa, foron o seu primeiro traballo como carpinteiro.

A Ruperto colleuno a guerra civil con 17 anos, a punto de empezar o servizo militar. Tocoulle vivir co exército sublevado os duros combates da denominada ofensiva de Levante. Equipado cun fusil metrallador de nove quilos de peso, pasou meses nas trincheiras da serra de Espadán. Un día esquivou a morte por pouco nun ataque con explosivos ao refuxio no que estaban el e outros seis soldados. «Alí quedaron catro -recorda- só saímos vivos eu e outro».

Acabada a guerra, Ruperto volveu a Sober e aos 26 anos casou con Alicia Eireos, unha veciña súa que daquela tiña 17. Nos anos seguintes traballaría de carpinteiro nunha funeraria da localidade navarra de Tafalla, e tamén nunha fábrica en Betanzos. Alí gañou 80.000 pesetas en 1960 cunha quiniela de 13 acertos, unha pequena fortuna para aquela época que lles permitiu a el e a súa muller vir de volta a Sober e construír en Vaz a casa na que el aínda vive. Ruperto quedou viúvo en 1973, cando a súa muller morreu con 44 anos.

Seguiu traballando como carpinteiro, e tamén como labrador, ata que se xubilou a mediados dos anos 80. A madeira foi para Ruperto un medio de vida, pero tamén un pasatempo. O interior da súa casa de Vaz, na que vive con unha das súas fillas e o seu xenro, está cheo de molduras, marcos e figuras feitas por el. A familia instala todos os anos no seu patio un enorme belén de madeira montado todo con pezas saídas das súas mans. O do ano pasado foi o último que estreou pezas novas, porque hai uns meses que Ruperto xa non traballa a madeira. Está ben de saúde, pero cansábase demasiado.

Tampouco vai xa botar a partida á cantina, aínda que camiña todos os días ao redor dun quilómetro. Entretense facendo solitarios ás cartas, vendo fútbol por televisión -igual estes días un pouco menos, porque é seguidor do F.C. Barcelona-. A súa memoria segue funcionando ben, sobre todo para as cousas de hai tempo. É capaz de recordar cantos veciños tiña Vaz cando el era neno -«Eramos 84 persoas e entre todas as casas había 107 vacas»-, ou que sen as ferramentas de agora facían falta como mínimo vinte días para construír un carro de madeira.

Tampouco vai xa botar a partida á cantina, aínda que camiña todos os días ao redor dun quilómetro. Entretense facendo solitarios ás cartas, vendo fútbol por televisión -igual estes días un pouco menos, porque é seguidor do Barcelona- e tamén contando os coches que pasan por diante da súa casa en dirección a Sober. A súa memoria segue funcionando ben, sobre todo para as cousas de hai tempo.

Co seu século de vida por detrás, Ruperto ri moito e parece unha persoa feliz. Non perde o humor nin cando recorda o que tivo que ver na guerra, aínda que tamén se pon serio cando conta que ultimamente soña moito con aquilo. Ten dúas fillas, tres netas e unha bisneta. «Fixen de todo -conta entre risas-, menos un pequeno».