Martín Mantilla: «O mundo segue e hai que adaptarse ás novas situacións»

ánxela jorge vidal / l.d. MONFORTE / LA VOZ

SOBER

Martín Mantilla, nunha foto de arquivo, pon en marcha agora o seu propio local
Martín Mantilla, nunha foto de arquivo, pon en marcha agora o seu propio local ALBERTO LÓPEZ

O chef monfortino abre en Sober o seu novo restaurante

18 ago 2020 . Actualizado a las 10:19 h.

Ollando ao actual contexto sanitario, podemos pensar que estes non son os mellores tempos para emprender. Mais as incógnitas non son un impedimento para o proxecto de Martín Mantilla, xerente do novo restaurante Berso, que abrirá o próximo día 18 en Sober. O local encargarase de poñer ó día «a comida das nosas avoas» nesta situación tan pouco familiar fronte á que o restaurador non se dobrega. Ten claro que «o mundo non se pode parar».

-Como foron os preparativos para a apertura de Berso dentro da situación actual?

-Berso é un proxecto de tempo atrás e coincidiu xusto coa aparición do covid-19, polo que os plans que tiñamos trastocáronse. Os problemas que puidemos ter son os asociados a calquera apertura dun restaurante, relacionados principalmente coas obras e imprevistos. Hai que ir adaptándose ao que veña e todo iso vai retrasando a data de apertura pero agora xa podemos abrir e esperamos que a situación nos deixe traballar sen ningún problema.

-Vendo como afectou  a crise á restauración, non lle xerou desconfianza dar este paso?

-As cousas que están pasando sempre che fan pensar pero o mundo segue e hai que adaptarse ás novas situacións. Non pasa só na hostalería, senón en calquera negocio. Todos nos temos que ir adaptando e non queda máis remedio que tirar para adiante.

-Hai algunha actividade preparada para a inauguración do restaurante?

-Non imos facer unha inauguración como se podía agardar porque non queremos supoñer ningún risco para as persoas. Aínda que nos fastidie máis que a ninguén, non o podemos facer. Intentaremos compensalo a través das redes sociais para que a xente poda velo e que se acheguen cando lles apeteza, sempre mediante a de reservas para evitar aglomeracións. Agora o que toca é velar pola seguridade das persoas. Nós esperamos que teña boa acollida, como o desexa calquera que inicie unha actividade nova.

-Que tipo de comida atopará o cliente no menú do restaurante?

-En Berso imos apostar por unha comida tradicional enfocada aos tempos de hoxe. Os pratos contarán con algún puntiño moderno, como pode ser a guarnición, pero todos van consistir no bo produto adaptado á comida das nosas avoas.

-A localización de Berso ten próximo a algún dos atractivos da Ribeira Sacra?

-Estamos en Sober, polo que atractivos temos abondo: os Muíños do Xabrega, os miradoiros, o catamarán, estamos a dez minutos de Monforte… Berso atópase no medio de todo. Outro encanto do restaurante, especialmente para a época do verán, son dúas terrazas independentes que compoñen espazos exteriores amplos.

-A «nova normalidade» afectou entón ás decisións nas obras e á distribución do restaurante?

-Estando na situación na que estamos, iso hai que telo presente sempre. O primeiro que fixemos foi quitar mesas para acurtar a capacidade e tamén reducimos os aforos para adaptarnos e manter as distancias de seguridade.

-Tendo en conta o medo que xeran os rebrotes, canta actividade prevé para o que queda de verán?

-Non hai que ter medo pero si respecto; todos debemos tomar as precaucións que seguen os demais negocios e a xente no seu día a día. Dende o restaurante, debemos transmitir que este é un local de seguridade e de confianza para os clientes. O mundo non se pode parar e, a día de hoxe, temos moita máis información e sabemos manexar a situación. Todo isto é bo para xestionar o tema do coronavirus pero tamén é certo que estou desexando que chegue a vacina para volver á vida normal, coa concepción de normalidade que tiñamos antes.

-Pese á incertidume do momento, é positivo un local novo na zona para o movemento laboral?

-Un proxecto coma este sempre axuda a activar a economía e novos postos de traballo sempre son benvidos. No noso caso arrincaremos a actividade do restaurante cinco persoas. Pode semellar unha plantilla curta para estas datas estivais pero, tendo en conta a situación, con isto intentamos reducir os aforos para non xerar masificacións e tamén que a xente sinta que este é un espazo amplo. Con estas premisas o cadro de persoal ten que verse afectado, por iso somos menos traballadores.