«Queremos axudar a que a xente nova teña saída no rural»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

SOBER

Tamara Canle fundou a empresa Bicada co seu socio Sergio Campos
Tamara Canle fundou a empresa Bicada co seu socio Sergio Campos CEDIDA

Canle é cofundadora dunha empresa recén creada en Sober, dun tipo aínda pouco común na Ribeira Sacra

23 jun 2020 . Actualizado a las 16:15 h.

En Sober acaba de iniciar a súa andaina a empresa de servizos vitícolas Bicada, a primeira de nova creación neste municipio desde que comezou a crise sanitaria. Tamara Canle fundou esta firma xunto con Sergio Campos. Os dous cursaron un ciclo superior de vitivinicultura na escola de hostalería da fundación Belarmino Fernández Iglesias, na parroquia soberina de Rosende.

-Non lles asusta pór en marcha a súa firma nun momento tan complicado?

-Estamos traballando neste proxecto desde hai cerca de ano e medio e por suposto que non imaxinabamos que a empresa comezaría a andar nunha situación como esta. De feito, tiñamos previsto comezar un pouco antes, pero a alarma sanitaria ralentizou un pouco o proceso. Pero decidimos seguir adiante porque a viticultura é algo que nos apaixona, porque queremos aproveitar a formación que recibimos e porque a agricultura é algo básico, que ten que seguir funcionando aínda que outras cousas non vaian ben.

-Que clase de servizos ofrecen?

-A nosa intención é ocuparnos de todos os traballos que se realizan nos viñedos ao longo do ano. A vendima é o máis visible, pero nas viñas hai moitas máis cousas que facer durante o resto do ano: podas, plantacións, rozas, aplicacións de tratamentos fitosanitarios, colocar estacas... Nós podemos realizar todos estes traballos en calquera momento e tamén podemos ocuparnos dunha xestión continuada dos viñedo durante todo o ano se o cliente o solicita.

-Na Ribeira Sacra non hai moitas empresas deste tipo.

-Non, por agora só estamos nós e a empresa Herdanza, que se creou hai pouco en Quiroga. Os traballos desta clase son realizados tradicionalmente por persoas que traballan a xornal e que non contan cunha formación profesional específica. Pero pensamos que empresas como a nosa son moi necesarias nun territorio como o da Ribeira Sacra. Debido ao envellecemento da poboación cada vez hai menos xente que poida traballar na viticultura e tamén hai bastantes propietarios que non viven aquí e non poden atender os seus viñedos.

-Teñen previsto contratar máis traballadores?

-Iso dependerá da demanda, pero a nosa intención é esa. Para traballar en vendimas está claro que necesitaríamos contar con máis xente, pero se hai moita demanda tamén a precisaremos para realizar traballos noutras épocas do ano. Queremos axudar a que a xente nova teña saída profesional no rural, en especial outras persoas que cursaron os mesmos estudos que nós.

«Bicada é o nome que se lle dá en Sober a un tipo de poda das viñas»

Esta nova empresa ten a súa base en Sober, pero os seus propietarios están abertos a traballar tamén noutros municipios.

-Teñen delimitado un ámbito xeográfico específico para desenvolver o seu traballo?

-A empresa está domiciliada en Sober, na parroquia de Barantes, e temos previsto comenzar neste municipio. Pero tamén nos gustaría traballar noutras partes das ribeiras do Sil e do Miño.

-Que significa o nome que lle deron á empresa?

-Bicada é o nome que se lle dá en Sober a un tipo de poda das viñas. Noutros lugares ese traballo ten denominacións diferentes, pero quixemos que o nome estivese moi identificado con Sober.