O Concello de Sober estuda adquirir terreos na parroquia de Proendos para preservar restos arqueolóxicos

f. a. MONFORTE / LA VOZ

SOBER

Nesta finca de Proendos, denominada Campo das Olas, apareceron nos anos 40 os vestixios dun cemiterio medieval
Nesta finca de Proendos, denominada Campo das Olas, apareceron nos anos 40 os vestixios dun cemiterio medieval CARLOS RUEDA

09 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O goberno local de Sober estudará a adquisición dos terreos da parroquia de Proendos onde poden aparecer restos arqueolóxicos nunha campaña de sondaxes con xeorradar que se levará a cabo este mes para buscar posibles vestixios de antigas construcións. «Primeiramente temos que ver o que aparece no subsolo e máis adiante a idea é levar a cabo unha escavación no lugar que se considere de maior interese», explica a este respecto o alcalde, Luis Fernández Guitián. «A nosa intención é consolidar despois os elementos que poidan saír á luz na escavacións para mostralos aos visitantes de forma permanente», engade.

Dependendo do terreo onde se realicen os achados arqueolóxicos de maior importancia, sinala así mesmo o rexedor, estudarase a posibilidade de comprar esa parcela ou de conseguir a súa cesión por parte dos propietarios. «Esa é a idea inicial, pero aínda hai que ver onde aparecen cousas de valor arqueolóxico e cal é a posición dos donos dos terreos», comenta.

O alcalde confía en que nesta investigación promovida polo Concello se produzan descubertas de interese, xa que a localidade de Proendos é coñecida polo seu potencial arqueolóxico. Na década de 1940 foi descuberto fortuitamente un cemiterio medieval nun campo próximo á igrexa parroquial e os achados accidentais de diversas pezas de orixe romana e castrexa a causa dos labores agrícolas e das obras foron sempre moi habituais. Na localidade existe ademais un importante conxunto de petróglifos.

Selección de terreos

Para esta semana está previsto seleccionar as parcelas onde se levarán a cabo as sondaxes con xeorradar, nalgunhas das cales podería ser preciso rozar previamente a vexetación. En total examinarase arredor da igrexa da parroquia unha superficie de cerca de 41.000 metros cadrados, formada na súa maior parte por prados e terras de labor. Algúns terreos xa foron descartados de antemán por non resultar adecuados para este tipo de prospeccións. «Por exemplo, nesa zona hai tamén un piñeiral e aí non se van facer sondaxes, porque o aparello só detectaría as raíces das árbores e non se podería saber se hai ou non hai restos arqueolóxicos», sinala Fernández Guitián.