Rodan en escenarios de Sober un filme de ficción inspirado nas tradicionais lendas das mouras

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

SOBER

Preparativos da rodaxe dunha escena nocturna do filme no entorno do santuario de Cadeiras
Preparativos da rodaxe dunha escena nocturna do filme no entorno do santuario de Cadeiras JAIME GUERRA

O entorno do santuario de Cadeiras foi un dos lugares escollidos para a filmación

03 sep 2019 . Actualizado a las 19:53 h.

En Sober terminou a filmación da curtametraxe Hai unha virxe alí arriba, unha obra de ficción inspirada en lendas tradicionais da Ribeira Sacra e doutras partes de Galicia que se encontra agora en proceso de edición. O filme está dirixido por Brandán Cerviño -veciño deste municipio- e interpretado polos xoves actores Lúa Pagán e Ángel López. O proxecto conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, os concellos de Sober e Monforte e o consorcio turístico da Ribeira Sacra.

A rodaxe levouse a cabo en diversos lugares do municipio de Sober, principalmente no entorno do santuario de Cadeiras, onde se celebrará este domingo a tradicional romaría da Virxe dos Remedios. O argumento da curtrametraxe -cuxo guión é tamén do realizador- xira en torno á figura mitolóxica das mouras, presente en numerosas lendas populares. Os responsables deste proxecto cinematográfico esperan que o filme estea totalmente editado para finais deste ano e teñen a intención de presentalo despois en diversos festivais.

 

Outras obras

O realizador de Hai unha virxe alí arriba, formado na escola internacional de cine de San Antonio de los Baños -en Cuba- é tamén autor do documental En la boca de la mina, que se presentará este mes no festival Curtocircuíto, en Santiago, e no Festival de Cine de Ourense. Esta obra foi proxectada anteriormente na mostra cinematográfica pontevedresa de Cans e nos festivais brasileiros É Tudo Verdade -en Rio de Janeiro e São Paulo- e Olhar de Cinema, en Curitiba. Cerviño tamén realizou a curtametraxe de ficción Carta a Leningrado, que se presentou na anterior edición do Curtocircuíto e no último Festival Internacional de Cine de Gibara, celebrado en Cuba o pasado xullo.