Comeza en Sober o seminario que redefinirá o Camiño de Inverno

c. cortés MONFORTE / LA VOZ

SOBER

CARLOS CORTÉS

Expertos de entidades galegas e europeas estudan esta semana a realidade desta ruta

03 sep 2019 . Actualizado a las 15:14 h.

Expertos de diferentes países e disciplinas técnicas debaten estes días en Sober sobre o Camiño de Inverno. As xornadas de traballo organizadas pola fundación Juana de Vega a través da súa Escola Galega da Paisaxe teñen o apoio da Consellería de Cultural, e a conclusión que resulte das reflexións destes días servirá de base para confirmar o trazado oficial do Camiño de Inverno ou introducir nel modificacións.

As xornadas, que teñen como denominación oficial «Workshop Internacional de Paisaxe: tralas pegadas do Camiño de Inverno na Ribeira Sacra», reunirán entre este luns e o venres a expertos relacionados co patrimonio, a paisaxe e a xestión cultural. O programa inclúe dous días de traballo en grupo e outros dous de conferencias, e deixa para o venres a exposición das conclusións.

A arquitecta Isabel Aguirre, nun dos relatorios da xornada inaugural do seminario que se celebra en Rosende
A arquitecta Isabel Aguirre, nun dos relatorios da xornada inaugural do seminario que se celebra en Rosende CARLOS CORTÉS

O certame celébrase na Casa Grande de Rosende, e neste establecemento de turismo rural tivo lugar a primeira hora da mañá deste luns a inauguración, á que asistiron a directora xeral de Patrimonio da Xunta, María del Carmen Martínez Ínsua; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián; e Mario Crecente, que ademais de coordinador destas xornadas é o arquitecto e consultor especializado en patrimonio, urbanismo e turismo que formou parte do equipo que preparou por encargo da Xunta o documento de declaración da Ribeira Sacra como ben de interese cultural (BIC). O público está formado por medio cento de profesionais, a maioría con traballos vinculados ao medio rural.

Entre os relatores que intervirán estes días hai expertos locais e tamén de organismos dependentes do Consello de Europa e a Unesco. A primeira metade da xornada inaugural do seminario incluíu un relatorio sobre a situación actual dos itinerarios culturais en Europa, a cargo de Eladio Fernández Galiano, do consello de administración do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, unha axencia técnica do Consello de Europa. Este luns falaron tamén Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe e boa coñecedora da Ribeira Sacra, e Aida Menéndez, presidenta da asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, a entidade que traballa pola promoción do Camiño de Inverno desde hai vinte anos, moito antes de que a Xunta recoñecese oficialmente este itinerario como unha máis das rutas xacobeas. Pola tarde, estaba previsto un percorrido a pé polo treito do Camiño de Inverno que pasa pola parroquia quiroguesa de Montefurado, guiado por Francisco Almuíña, invidente e presidente da asociación de casas de turismo rural da Ribeira Sacra.