Sober acolle «Je ne baise plus», unha exposición fotográfica sobre a violencia machista

SOBER

Iván Merayo na presentación da exposición «Je ne baise plus» na galería Sargadelos de Monforte, nunha imaxe de arquivo
Iván Merayo na presentación da exposición «Je ne baise plus» na galería Sargadelos de Monforte, nunha imaxe de arquivo CARLOS CORTÉS

A mostra reúne imaxes de Iván Merayo e textos de Eva F. Ferreira

11 jun 2019 . Actualizado a las 13:09 h.

No centro sociocultural de Sober será inaugurada este martes -ás 20.30 horas- a exposición fotográfica Je ne baise plus, de Iván Merayo, que ten como obxectivo fomentar a reflexión sobre a violencia machista e a desigualdade. As imaxes que forman a exposición están acompañados por textos de Eva F. Ferreira e unha selección de poemas de autores contemporáneos e clásicos. Segundo explica o autor, o título da exposición significa literalmente en francés «Xa non fodo máis», unha denominación que se lle daba no século XIX a un tipo de colgante utilizado por mulleres que querían manifestar a súa vontade de non manter relacións sexuais e de sinalar que eran as únicas donas do seu corpo. Esta xoia aparece representada no cadro Olympia de Édouard Manet.

A exposición forma parte dunha serie de actividades organizadas polo Concello de Sober a e asociación Femforte para promover a concienciación cidadá contra a violencia sexista e a discriminación. Os visitantes terán a oportunidade de deixar rexistradas de forma anónima as súas opinións e experiencias nunha sección denominada «Baúl dos pensamentos». A mostra poderá visitarse ata o día 25 de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas de luns a venres, e de 11.00 a 13.00 horas os sábados.