Coñecer os lavadoiros tradicionais da man de Rosalía de Castro

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

SOBER

Roi Fernández

Alumnos de primaria de Sober e Monforte participaron nunha singular experiencia educativa nunha vella pía rehabilitada

23 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un vello lavadoiro público de Sober, coñecido como Os Eireos, converteuse onte nunha aula escolar dentro dunha actividade educativa que tiña por obxectivo dar a coñecer aos nenos os métodos tradicionais de lavado de roupa e ao mesmo tempo axudalos a entender mellor a obra literaria de Rosalía de Castro. A iniciativa partiu dos profesores do colexio monfortino da Gándara, que con motivo do aniversario do nacemento da escritora -que se celebra mañá- deron a ler aos alumnos un poema do libro Cantares gallegos no que se mencionan os antigos lavadoiros. Como moitos dos nenos descoñecían en que consisten, consideraron interesante ensinarllo dunha forma prática.

A actividade levouse a cabo en colaboración co colexio local Virxe do Carme e do Concello de Sober. Alumnos de primaria de 4 e 5 anos de ambos centros visitaron primeiramente outro lavadoiro situado na capital municipal -o de Arroxo-, hoxe en desuso. Despois desprazáronse ao dos Eireos para completar a lección. Calzados con botas de goma, vestidos con mandís e provistos de cubos, foron aprendendo as diferentes partes do proceso tradicional de lavado. Fixérono lavando eles mesmos pequenos panos e toallas.

Os alumnos aprenderon en primeiro lugar que hai que comezar por arremangarse e despois, mollar os panos pouco a pouco e con coidado para que non caian no fondo da pía. «¡Está frío!», dixeron algúns ao empapar en auga os tecidos. Seguindo as instrucións dos profesores e dunha veciña, os rapaces enxabonaron os panos e esfregáronos contra a pedra do borde do lavadoiro para despois escorrelos. En pouco tempo, o espazo encheuse dun forte cheiro a xabón.

Terminada a experiencia, os alumnos puideron volver a casa sabendo como se lavaba a roupa antes de que existisen as lavadoras e tamén quedaron máis capacitados para entender a que se refería Rosalía de Castro no poema que deu orixe a esta actividade: «Vente, rapasa, / vente, miniña, / vente a lavar / no pilón da fontiña».

Un espazo que volver ser utilizado polos veciños

Os profesores do colexio da Gándara que organizaron a experiencia educativa decidiron levala a cabo en Sober debido a que neste municipio se conserva un amplo número de lavadoiros tradicionais. En Monforte, onde a roupa se lavaba habitualmente no Cabe, estas construcións son moito menos comúns.

Segundo explica o alcalde Luis Fernández Guitián, o lavadoiro dos Eireos -ao igual que o de Arroxo- foi rehabilitado hai arredor de oito anos cunha axuda do plan Leader. Os dous teñen unha antigüidade similar, de arredor dun século. «Desde que se arranxou o lavadoiro dos Eireos hai algunhas familias que o volveron usar para lavar pezas moi grandes de roupa que non entran ben nas lavadoras», explica.

Outras construcións

O alcalde sinala que estes non son únicos lavadoiros públicos que se recuperaron en tempos recentes no municipio. «Nos últimos anos foron rehabilitados cerca de cincuenta nas diferentes parroquias», apunta. O rexedor sinala que a pesar de levar moito tempo en desuso, a maioría deles consérvase en bon estado. «Rehabilitar os lavadoiros é relativamente sinxelo e pouco custoso, e o único que se precisa é limpalos de maleza e encintar as pedras de que están construídos», agrega.