Un debutante con 87 anos... e párkinson

La Voz

SOBER

CEDIDA

Gerardo Rodríguez supera os obstáculos da idade e a enfermidade como actor na escola de teatro de Sober

27 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos actores máis animosos da escola de teatro de Sober chámase Gerardo Rodríguez Álvarez. Non é dos que teñen máis experiencia, porque aínda debutou este ano, pero defendeu con solvencia o seu papel en Luns, talvez martes, a representación coa que a escola despediu o curso ante o público na casa da cultura de Sober. O peculiar é que o debutante Gerardo ten 87 anos e ten párkinson.

O actor máis maior da escola de teatro de Sober canta tamén, canda a súa filla, no coro Berea. Hai uns meses, saían os dous dun ensaio e a filla tiña que quedar na casa da cultura porque tiña o primeiro ensaio de teatro do curso ?ela levaba dous anos indo a esas clases?, así que lle propuxo a seu pai que probase. E probou.

«Non o dubidou», conta María Rodríguez, a súa filla. A el gustoulle a primeira clase e á súa filla viu que interactuaba ben coas compañeiras, moito máis novas que el, e sorprendeuse do tranquilo que parecía estar. El deixou claro desde o primeiro momento que tiña párkinson e que iso lle podía impedir controlar ben os movementos e proxectar a voz, minguada pola enfermidade. O resto dos alumnos tratárono con total normalidade.

Coa súa enfermidade, é fundamental que Gerardo faga actividades físicas, como ximnasia, natación, baile ou canto. Na súa familia cren que estes meses de teatro fóronlle tamén de moita axuda. «Mellorou moito na expresión e no control dos movementos», explica María.

A directora da escola de teatro de Sober, Eva F. Ferreira, recorda que aquel primeiro día María lle preguntou se tiña algún reparo en que seu pai participase nas clases. «Díxenlle que non, claro ?conta ela?, pareceume divertido ter en clase esa variedade de idades e de experiencias».

Gerardo ten intención de seguir indo a clases de teatro se seguen facendo. Tamén a súa filla. «A parte de ser divertido ?explica? notamos que nos fai moito ben a nivel corporal e mental».

Eva F. Ferreira responsable da escola

«Sempre intento traballar á medida da xente coa que conto»

Eva F. Ferreira dirixe desde o 215 a escola municipal de teatro de Sober. Este ano deulle clase a once persoas, aínda que na representación que pechou o curso o pasado día 16 participaron só sete.

?Como é Gerardo como actor?

?Como persoa é moi atento, correcto e agradable, e nas clases é moi botado para adiante, moi expresivo. Atrévese a participar nas improvisacións como calquera e non se pon ningún tipo de limitación. Igual que os demais, el fixo a súa evolución. E sempre con moita paciencia, sobre todo nos ensaios finais, nos que sempre hai que repetir moito.

?Na escola non hai limitacións de idade?

?Pode vir calquera. Sempre intento traballar á medida da xente coa que conto. Non ten sentido pretenden facer unha obra concreta a toda costa, independentemente dos actores que tes.