Homenaxe poético e musical a María Victoria Moreno en Sober

La Voz

SOBER

RAMON LEIRO

O centro sociocultural acollerá mañá unha xornada cultural denominada Escaleira Literaria

11 may 2018 . Actualizado a las 17:45 h.

O centro sociocultural de Sober acollerá o sábado -a partir das 19.00 horas- a primeira edición da denominada Escaleira Literaria, unha cita poética e musical que homenaxeará á escritora María Victoria Moreno -na imaxe sobre estas liñas-, protagonista do Día das Letras Galegas. A organización corre a cargo de Moncha Prieto e conta coa colaboración do Concello.

O acto comprenderá, poer unha parte, unha lectura con acompañamento musical de poemas e relatos a cargo de Ramón Sandoval, Xosé Lois García, Carlos Rafael, Leticia Sáez, Moncha Prieto, Paco Ledo, Rosa García e Sara González. Seguidamente haberá unha actuación do grupo musical O Trícole.

Na actividade participará tamén a escola municipal de teatro de Sober cunha lectura escenificada dun texto de Rosalía de Castro escrito orixinalmente en castelán e titulado Las literatas, que fala da situación das escritoras a mediados do século XIX. O texto foi adaptado por Eva F. Ferreira, dramaturga e directora da escola teatral, e será interpretado por María Rodríguez Trigo e Eva Abal Tobío. Finalmente, Sara González interpretará un poema con danza e o alcalde Luis Fernández Guitián pechará a actividade.