«Escollín tocar a tuba porque é un instrumento que moi poucos queren»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

SOBER

CEDIDA

Franqueiro comeza este mes a colaborar como intérprete de música de ópera nunha prestixiosa orquestra italiana

05 abr 2018 . Actualizado a las 13:28 h.

Miguel Franqueiro Becerra, director da Banda de Sober, partirá o domingo para Italia a fin de participar como intérprete de tuba en catro actuacións da orquestra do Teatro Regio de Turín. A formación interpretará a música da ópera I Lombardi alla prima crociata (Os lombardos na primeira cruzada), de Giuseppe Verdi. A primeira sesión será o día 17 e a última, o 28. Franqueiro é natural de Boqueixón e colabora tamén con outras orquestras.

-¿Como chegou a ingresar nesta formación?

-Presenteime a unha convocatoria que abriu a orquestra para cubrir ese posto. A orquestra do Teatro Regio xa ten un intérprete de tuba, pero este músico non pode facer todo o traballo e necesita outro para substituílo cando sexa necesario. Presentámonos 46 músicos, pasamos catro á final e quedei de primeiro. Despois das catro funcións desta ópera seguirei colaborando con eles no futuro.

-¿Que supón para a súa carreira participar nesta orquestra?

-É un chanzo máis na miña formación, que me parece especialmente importante porque é unha orquestra con moita tradición e prestixio. Ademais, é raro que as orquestras italianas contraten a músicos doutros países. Eles teñen unha forma moi característica de interpretar a música clásica e hai que adaptarse a esa tradición, polo que normalmente recorren a intérpretes italianos.

-¿En cantas formacións está traballando agora?

-Como intérprete, colaboro habitualmente na Real Filharmonía de Galicia e tamén na Hulencourt Soloists Chamber Orchestra de Bruxelas. Como director, estou ao mesmo tempo nas bandas de Sober, O Irixo e San Cibrao das Viñas. Ademais, traballo como profesor en varias escolas.

-¿Como fai para compatibilizar todas estas actividades en varios países á vez?

-É moi complicado e sería imposible se non fose pola comprensión que mostran as bandas nas que traballo, como a de Sober. Son moi flexibles e xenerosos cos meus calendarios para que poida tocar nas orquestras. Estoulles enormemente agradecido por iso.

-¿Por que escolleu a tuba para o seu labor como intérprete?

-Meus pais animáronme a estudar música e nos centros polos que pasei case ningún alumno se decidía pola tuba. É un instrumento que ten pouca aceptación entre os rapaces, sobre todo porque é moi voluminoso. Escollino precisamente porque son moi poucos os que o queren e polo tanto é o que máis falta fai en moitas bandas e orquestras.

-¿Este instrumento suponlle algunha dificultade especial?

-No aspecto da técnica interpretativa, a tuba non resulta máis complicada que outros instrumentos. Cada un ten as súas peculiaridades e non se pode dicir que un sexa máis fácil ou máis difícil que outro. O problema está no aspecto loxístico, porque é moi difícil de transportar debido ao seu tamaño. Cando vou tocar lonxe, levo conmigo dúas tubas e teño que coller dúas prazas de avión para poder levalas, o que supón un custo extra.