O Goberno da Deputación inviste nun ano máis dun millón de euros en Sober para infraestruturas e servizos sociais

La Voz

SOBER

Campos Conde e Fernández Guitián supervisaron o inicio dos traballos, con 332.000 euros do organismo provincial, para mellorar a estrada LU-P-5903, de Sober a Doade

31 oct 2017 . Actualizado a las 09:32 h.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, informou en datas pasadas sobre o investimento de 1.066.000 euros, que o Executivo Provincial achegou nun ano a este municipio para o impulso de dotacións públicas e infraestruturas, así como a xeración de emprego e a mellora dos servizos sociais dos máis de 2.300 veciños deste municipio. Campos Conde explicou que con este investimento acondicionáronse unha estrada provincial e múltiples vías en núcleos rurais, melloráronse traídas e depósitos de auga, prestóuselle atención profesional a máis dunha cincuentena de maiores e xeráronse preto dunha vintena de novos empregos.

Para melloras en infraestruturas, o Executivo Provincial levou nun ano a Sober 430.000 euros. Campos Conde e Fernández Guitián supervisaron o inicio dos traballos, con 332.000 euros do Executivo da Deputación, para mellorar a estrada LU-P-5903, de Sober a Doade. As obras, permitirán ampliar a estrada dos 4 aos 5,5 metros con aglomerado en quente e mellorar, deste xeito, unha das vías de comunicación máis transitadas da Ribeira Sacra, especialmente, nas fins de semana.

Campos Conde destacou que «esta é unha obra moi esperada, que supón un grande beneficio para os 2.300 habitantes do Concello de Sober e tamén para os centos de turistas que visitan a zona da Ribeira Sacra, xa que esta estrada conduce aos principais miradoiros do Canón do Sil e ás adegas».

Ademais, o Goberno da Deputación mellorou con 58.000 euros os accesos aos núcleos de Bidual, Pinol de Abaixo, Somoza, Paradela, A Lama, Mourentan, San Martiño, ás viñas de Lobeiras, de Barantes de Riba a Barantes de Abaixo, beneficiando directamente aos máis de 100 veciños que viven nestes zonas do municipio soberino. Nas vindeiras semanas, con outros 40.000 euros do Executivo Provincial, comezarán os traballos de mellora de accesos a viñedos na zona da Ribeira do Sil.

Melloras de 250.000 euros en traídas e depósitos de auga

O Executivo Provincial achegou nun ano 250.000 euros para mellorar a rede de saneamento de auga de varios núcleos poboacionais do Concello de Sober.

O Presidente avanzou que nos vindeiros meses comezarán os traballos de dotación dunha nova depuradora de augas residuais en Doade e Francos; melloráranse os saneamentos e a depuradora de Vilaudriz; e acondicionarase a rede de abastecemento de auga de Naz, Naz de Abaixo, Lamos dos Campos e Millán. O conxunto destas actuacións, contan cun investimento do Goberno da Deputación de 214.000 euros, cos que se beneficiarán directamente aos máis de 170 veciños que viven nestas zonas.

Máis dotacións públicas

Campos Conde informou que estas melloras non foron as únicas no Concello de Sober, pois o Executivo Provincial investiu outros 173.000 euros en novas dotacións públicas municipais. Situáronse 85 luminarias de tipo LED na Parroquia de Gundivós, co que o consistorio aforrará anualmente máis de 6.000 euros; adaptouse un local municipal en albergue para que o vindeiro ano preste este servizo aos turistas; reparáronse as humidades e dotouse dunha nova aula de tecnoloxía e informática ao Centro Sociocultural; ou sinalizáronse varios núcleos rurais do Concello, entre outras moitas actuacións.

17 novos empregos

Campos Conde avanzou que o Goberno da Deputación investiu nun ano no Concello de Sober 134.000 euros, cos que xerou un total de 17 postos de traballo, 9 no 2016 e 8 este ano. Estes novos empregos creáronse a través do DepuEmprego e o Ben Empregado, cos que o Executivo Provincial asume os custos laborais de novos profesionais, que traballan en empresas da zona e no propio Concello, reforzando os servizos públicos municipais. Por exemplo, a través do DepuEmprego contratáronse a 1 monitor deportivo, 1 informático, 1 viticultor ou 1 técnico de turismo, entre outros.

Atención profesional nun ano a 59 maiores

O Executivo Provincial destinou nun ano 58.000 euros á xeración de 123 prazas de Servizo a domicilio para non dependentes e Teleasistencia gratuíta porque a Xunta non ofrece estas prestacións. Actualmente, este investimento permite a contratación de asistentes sociais, que prestan máis de 4.400 horas de atención a 59 maiores de Sober á espera de novas altas este ano.

Dinamización turística, deportiva e cultural

O Goberno da Deputación achegou 12.000 euros ao Concello de Sober para a realización de actividades lúdico-culturais e deportivas durante todo o ano, así como a celebración de eventos turísticos e gastronómicos. Este orzamento, permitiu organizar, por exemplo, a Feira do Viño de Amandi, o Festival Santa Cecilia, ou actividades deportivas na vila, entre outras moitas.