Vellas e enigmáticas inscricións nos muros da igrexa de Pinol

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

SOBER

CARLOS RUEDA

Por debaixo do cal con que se taparon os murais do templo hai unhas figuras nas que ninguén reparara ata agora

29 abr 2017 . Actualizado a las 21:52 h.

Por debaixo das pinturas renacentistas que cubren os muros da igrexa soberina de San Vicente de Pinol -e das camadas de cal que as tapan na súa maior parte- consérvase un singular elemento histórico no que ninguén reparara ata hai moi pouco tempo. Trátase dunha serie de inscricións que están repartidas en diferentes lugares e que non é posible interpretar no estado en que se encontran agora. Mentres non se retire o cal non parece que se poida determinar se consisten en deseños ornamentais, letras, marcas de canteiro ou algunha outra cousa. O misterio aclararase probablemente cando avance o proceso de restauración do templo, que comezará este ano cunha primeira fase dedicada á renovación da cuberta.

A historiadora soberina Saleta López -que realizou recentemente un estudo sobre os retablos barrocos desta e doutras igrexas do municipio- explica que nunca se fixara nestas inscricións a pesar de ter visitado moitas veces o templo. Non as viu ata hai pouco máis dun mes, cando acompañou aos especialistas dunha empresa de restauración que realizaron un exame no interior do templo. «Foron as restauradoras as que descubriron as figuras e estivéronas mirando con atención, pero non conseguiron encontrarlles unha explicación, así que haberá que esperar a que levanten o cal e que restauren as pinturas para ver en que consisten realmente», sinala.

Conservación desigual

Cando se leve a cabo esta intervención tamén sairán á luz as pinturas que agora están ocultas polo cal e que, segundo apunta Saleta López, presentan un estado de conservación desigual. «Algunhas partes están ben conservadas, pero outras son moi difíciles de recuperar», indica. O principal problema neste aspecto -engade- son algunhas manchas causadas pola auga que se filtrou a través da cuberta e descompuxo a madeira de nogueira. «Esas partes dos murais seguramente non poderán restaurarse por completo e noutras zonas tamén hai manchas de mofo que non resultarán fáciles de quitar», agrega a historiadora.

En todo caso, as partes dos murais que están mellor conservadas ocupan unha superficie considerable e ofrecen unha notable calidade artística, segundo se pode ver en certas zonas onde se desprendeu o cal e onde se realizaron catas para inspeccionar o estado das pinturas. Os especialistas consideran que estas obras se encadran no estilo gótico hispanoflamengo e que poden datarse no século XVI. Máis tarde, entre os séculos XVII e XVIII, suponse que foi construído o teito artesoado que conserva na actualidade, decorado con pinturas. «Esa cuberta é de moi boa calidade -apunta Saleta López- e a proba é que a pesar de ser moi antiga só foi reparada con madeiras novas en poucos sitios, que son os que hoxe non teñen pinturas».

A nave da igrexa, por outro lado, conserva a súa fábrica románica orixinal, que data de entre os séculos XII e XIII. A única alteración que sufriu o edificio en épocas posteriores consistiu en engadirlle dous brazos laterais para darlle unha planta de cruz latina. Outras igrexas construídas na mesma época pasaron por cambios moito maiores e hoxe gardan poucos vestixios da súa orixe románica. «En realidade á estrutura orixinal tocouselle moi pouco e a nave é basicamente a mesma que está en pé desde a Idade Media», comenta Saleta López. Agora falta por saber en que consisten as inscricións que aparecen por debaixo do cal dos muros e determinar se tamén corresponden a ese período.

Retablos e lenzos deteriorados que necesitan rehabilitación

O patrimonio que encerra a igrexa de Pinol comprende varios retablos de especial valor histórico e artístico que se encontran nun estado de conservación deficiente. Un deles, que alberga unha imaxe da Virxe do Carme, está decorado con dúas columnas salomónicas talladas con motivos vexetais. Estas pezas, datadas no século XVIII, presentan una singular interese, xa que consisten en representacións fieis de acios e follas de vide da variedade autóctona coñecida como albarello. A presenza deste peculiar elemento foi posta de manifesto nun estudo realizado hai poucos anos polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

Este retablo, en opinión de Saleta López, consérvase relativamente ben tendo en conta a súa antigüidade e o feito de que nunca foi sometido a unha restauración. «Pero por outro lado ten moita carcoma e está claro que non se debería deixar pasar moito máis tempo sen restauralo», puntualiza. Tampouco é satisfactorio o estado en que se encontra outro retablo gardado no templo que representa á Sagrada Familia. Esta obra, do século XVII, presenta a particularidade de que a súa parte central está ocupada por un lenzo, algo pouco común. Na igrexa hai ademais outro lenzo coa imaxe de Cristo crucificado. Ambas pinturas, segundo a historiadora, tamén necesitarían unha intervención, xa que se están desprendendo paulatinamente dos seus marcos ao afrouxarse os cravos que as suxeitan.

Intervención integral

Saleta López espera que despois da renovación cuberta da igrexa e da eliminación das filtracións de auga se poña en marcha un proxecto para restaurar non só as pinturas dos muros, senón tamén estes outros elementos. «Estes procesos de rehabilitación sempre van acompañados de estudos históricos e artísticos e na igrexa de Pinol creo que isto axudará a coñecer moito mellor un dos patrimonios máis singulares que ten Sober», agrega.