Un antigo lagar rupestre que apareceu baixo a maleza en Bolmente 

La Voz

SOBER

CARLOS RUEDA

Descubren de maneira fortuíta en Sober unha estrutura que en principio foi tomada por unha tumba 

18 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un elemento descoñecido do patrimonio histórico da Ribeira Sacra foi descuberto de maneira fortuíta por un veciño do municipio de Sober cando rozaba unha finca cuberta de maleza. O achado produciuse no lugar do Real, entre as localidades da Chousela e Ferrón ?na parroquia de Bolmente? e consiste nunha rocha tallada. O lugar foi visitado por membros da asociación cultural O Colado do Vento, que en principio creron que na pedra podía estar labrada unha sepultura antropomorfa similar ás que se encontran en numerosas localidades. Porén, o arqueólogo monfortino Iván Álvarez Merayo ?que aínda non visitou o sitio e só o examinou por agora en fotografías? opina que o máis probable é que se trate dun lagar rupestre. 

Álvarez descarta que a talla consista nun sartego, porque neste caso mostraría un perfil claro de figura humana. En caso de tratarse efectivamente dun lagar ?o que parece máis seguro? sería a segunda destas construcións localizada na Ribeira Sacra na marxe dereita do Sil. O propio Iván Álvarez encontrou recentemente varias estruturas deste tipo en Quiroga e Trives que presumiblemente serviron para a extracción de zume de uva, aínda que non se descarta que se usasen tamén para fabricar sidra.

Pode haber máis    

O arqueólogo apunta por outro lado que é probable que haxa moitas máis construcións rupestres desta clase noutros lugares da Ribeira Sacra. «O que sucede é que nunca se buscaron de forma sistemática», engade. Esta parte do patrimonio histórico apenas foi investigada en Galicia, ao contrario do que sucede en Portugal ?onde foron publicados numerosos estudos sobre os lagares rupestres? e só en tempos recentes comezouse a prestarlle atención por iniciativa do sumiller Luis Paadín, que localizou diversas estruturas deste clase. 

Moi cerca da paraxe onde se encontra a rocha tallada pasa un camiño procedente do lugar das Chouselas que se denomina tradicionalmente Camiño do Monte. Desde a asociación O Colado do Vento apuntan que é posible que tivese a consideración de camiño real, tendo en conta a toponomia do lugar. 

A poucos metros do sitio hai tamén unha bifurcación  de antigos camiños. Un deles chega ata a ribeira do Sil na zona que se sitúa enfronte do coñecido mosteiro ourensán de Santa Cristina e empata con outro sendeiro que baixaba igualmente ata a marxe do río na dirección do lugar de Souto Vello.