¿Por que hai tanto petróglifo en terras soberinas?

O municipio é o único da zona onde se fan buscas de gravados rupestres


monforte / la voz

Os últimos achados de petróglifos en Sober reforzan a posición deste municipio como posuidor do maior número de gravados rupestres localizados en todo o sur lucense. Na actualidade coñécense nesta zona cerca de corenta lugares onde poden verse estas mostras de arte prehistórica. A cifra supera amplamente a que suman os demais municipios da Terra de Lemos e os das comarcas de Chantada e Quiroga. Entre eles reúnen hoxe en día 33 sitios arqueolóxicos deste tipo.

Na opinión de diversos investigadores, como os arqueólogos Iván Merayo e Xabier Moure e a historiadora Begoña González, esta profusión de achados non significa en principio que en Sober se conserven máis petróglifos que nos demais municipios da zona. A diferenza está en que no territorio soberino leváronse a cabo numerosas búsquedas de gravados, o que non sucedeu aínda noutros lugares.

Primeiros precedentes

Os primeiros petróglifos rexistrados en Sober son os das parroquias de Proendos, Figueiroá e Millán e foron descritos en varios traballos do historiador lucense Manuel Vázquez Seijas en 1945 e 1946. En 1977 también mencionou algúns conxuntos de de gravados o axente forestal soberino Enrique Fernández Llano, autor dun libro titulado Descripción del término municipal de Sober. No 2006, o arqueólogo Iván Merayo catalogou dezaoito grupos de insculturas a raíz dun encargo da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Nos últimos tempos, os maiores esforzos para localizar petróglifos non catalogados no municipio foron realizados por membros da asociación cultural O Colado do Vento. Nalgúns casos, os achados producíronse grazas a búsquedas deliberadas e continuadas. Noutras ocasións, as descubertas foron feitas de maneira fortuíta por socios deste colectivo ao pasear polo campo ou ao buscar cogumelos. Isto último foi precisamente o que sucedu cos descubrimentos máis recentes efectuados no municipio, entre os que destaca o do conxunto de insculturas da Pena do Lagarto, o maior dos que se encontraron ata o momento en todo o sur da provincia.

A microtoponimia e as lendas, pistas para facer achados

A asociación O Colado do Vento publicou no 2007 unha guía na que se recollían os conxuntos de petróglifos localizados ata entón no municipio. Nesta publicación -que o colectivo pretende reeditar e ampliar o ano próximo- apúntase que moitos destes gravados puideron localizarse grazas á tradición oral. A microtoponimia e as lendas populares sobre determinadas paraxes indican con frecuencia a existencia de petróglifos na zona.

Por outro lado, o arqueólogo Xabier Moure sinala nun traballo sobre os petróglifos da provincia que as zonas onde existe un maior número de gravados rupestres son as comarcas que contan con amplas zonas de chaira, como as de Lemos, Sarria, Lugo e a Terra Chá. Ao seu xuízo, non hai razóns para pensar que outros municipios do sur da provincia onde ata agora non se rexistrou a presenza de petróglifos -como é o caso de Monforte- non conten tamén con importantes conxuntos de insculturas prehistóricas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

¿Por que hai tanto petróglifo en terras soberinas?