O alumno que o cuestionaba todo

SOBER

Santi M. Amil

Chechu Salgado e Mila Alonso, alumno e profesora

06 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«Desde que abrín a porta deste sitio xa significou algo». Chechu Salgado, ourensán nacido en Sober en 1991, detense, oito anos despois, nos detalles do seminario de Filosofía da Universidade Laboral, onde se produce este encontro entre pupitres con Mila Alonso, profesora, amiga, inspiradora, acicate, bálsamo... «Isto non é un despacho ao uso; é acolledor, hai moitas influencias, moitas cousas que mirar e sobre as que pensar. Despois, os sitios collen valor co tempo, falando, estando, e este sempre vai ser un lugar de referencia».

A mente sensorial do Román Fiuza de Serramoura recrea o padal do té que temperaba o seu carácter adolescente, a enerxía do chocolate e a descuberta do xenxibre. «De alimentación, bebidas e vida aprendín moito tamén con Mila», asegura mentres ela retruca: «A Chechu gústalle probar todo, vivir experiencias. Tamén por iso conxeniamos».

Non era necesario ese matiz. No ambiente desta pequena sala da Laboral respíranse admiración, agradecemento, paixón, respecto, liberdade, creatividade, paz... «Se algo me deches tamén foi serenidade. Con 18 anos tes a cabeza a mil e este era un bo sitio para calmala un pouco. Eu viña moitos recreos, calquera situación era boa para falar con Mila; as clases e a vida en xeral trasladábanse aquí».

Non era, precisamente, serenidade o que caracterizaba o ambiente daquel primeiro de bacharelato no que Chechu e Mila se descubriron: «Pero cando Chechu falaba toda a clase escoitaba. Tiña moito carisma. Dende o primeiro día, pola súa forma de contestar unha pregunta, de forma intensa, pero educada, pensei: aquí hai un pensador libre. E non faltou nin un só día a clase de Filosofía, podo certificalo».

«Eu faltaba a calquera cousa menos a Filosofía -ratifica Chechu-; era un ambiente de bulicio, pero prestábase a poder falar, facerse respectar, escoitar... Era un lugar de verdadeiro debate, un lugar de liberdade, e eu, que era un rebelde sen causa, era o que buscaba».

A bagaxe lectora daquel Chechu que estudara en Franciscanas e Salesianos, non pasou desapercibida na Laboral: «Traía detrás unha cultura das súas propias lecturas. Daquela xa tiña un espírito crítico impropio da idade. É unha idade na que se critica todo, pero a súa crítica era contida, non aloucada. Chechu representaba moito a voz de todos, identificábanse con el, para moitos era un líder, e, o mellor de todo, é que era tan importante para min! Ti sabes o que é ter un alumno que día tras día che cuestiona algo? -lanza Mila- Sempre sentado naquel sitio, cerca da ventá, que das un paso e estás no monte, rozando a perigosa última fila, pero só rozando...».

O monte sustituiu, co tempo, o espazo do seminario e da aula: «Repetín primeiro e pasei a ter de profe de Filosofía a Geni, que foi xenial, e as charlas con Mila pasaron a ser paseos polo monte cos nosos cans, Asi e Leo. Agora -reflexiona- xa non me agobio como antes, a herba medra sola e eu non aspiro a grandezas, pero a loita é contra ti, contra a túa cabeza, o ruxerruxe segue, nunca deixas de combater. Hai que saborear ben todo, encántame sentir e para iso tes que collelo todo: o bo e o malo».

«Eu aprendín estas cousas del», apunta Mila, revivindo como Chechu deixou de ser alumno para ser «alguén que ensina cousas e un amigo». «Agora non vivimos na mesma cidade e falamos menos, pero o vínculo con Mila e Alberto, a súa parella, está e sempre estará. Eu conto con eles mentres viva -sentencia Chechu-. Sen máis».

O teatro, un ángulo crucial na xeografía humana

Na xeometría de Mila e Chechu falta un ángulo crucial: o teatro. Xurdiu tamén no primeiro ano da Laboral, co grupo Tarumba e con Tito Asorey como eixes. El dirixiu a Chechu no seu primeiro papel protagonista, un peculiar D. Juan do que o actor lembra aínda, sen titubear, a súa primeira frase. «As dúas grandes cousas da miña vida de estudante quizá sexan D. Juan e Mila», asegura o hoxe alumno da Escola de Arte Dramática de Galicia.

«Dar clase de Filosofía tendo un grupo de teatro no instituto ten todo o sentido, a clase vai rodada -reivindica Mila-. Os alumnos aprenden a saber quen son, a formar parte dun grupo... E Chechu tiña unha forza e unha presenza terrible ao saír ao escenario. E vontade, moita vontade, no sentido do volere latino, de querer... Cando queres moito, conséguelo».

Nese querer Chechu tivo sempre ao lado a familia: «Tiven o apoio total dos meus pais, que foron conscientes do que se xerou aquí, de como me cambiou a Laboral, o teatro e Mila».