Á caza do patrimonio en Sober

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

SOBER

<span lang= es-es >Castros</span>. O castro de Vilaescura é o único de Sober inventariado en Patrimonio Galego.
Castros. O castro de Vilaescura é o único de Sober inventariado en Patrimonio Galego. xABIER MOURE < / span>

Convocan a voluntarios para catalogar elementos do legado histórico local

05 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación cultural O Colado do Vento incluíu no seu programa de actividades para este ano unha iniciativa relacionada co patrimonio que non ten precedentes no sur lucense. O colectivo convocou para o 21 de xuño unha «quedada» na que poderán participar todas as persoas que o desexen e cuxa finalidade será fotografar e describir elementos do legado histórico e cultural do municipio para divulgalos a través da web Patrimonio Galego. Ata agora, Sober só conta con catorce elementos inventariados neste sitio e a intención da asociación é conseguir que ese número se incremente de forma significativa.

A web Patrimonio Galego foi creada hai catro anos por iniciativa do profesor universitario e escritor Manuel Gago e é desenvolvida por colaboradores voluntarios, dunha forma similar á Wikipedia. A súa finalidade é catalogar e describir todo tipo de elementos do patrimonio histórico, arqueolóxico e cultural de Galicia, tanto os que están incluídos nos inventarios oficiais da Xunta e dos concellos como os que non. Os colaboradores -denominados «catalogadores»- poden crear e publicar fichas descritivas acompañadas de fotografías nas que se indica a situación, as principais características e o estado actual de conservación e accesibilidade de cada elemento patrimonial.

180 fichas no sur lucense

Na actualidade, a web contén 6.605 fichas de elementos do patrimonio repartidos por todo o territorio galego. Nos municipios do sur lucense -incluíndo O Incio- están catalogados ata agora 180 elementos. O número é moi desigual dependendo das diferentes zonas. O municipio que máis ten é o de Pantón -con 28 citas- e o que menos, o de Carballedo, con cinco. A comarca de Chantada é a que menos representación ten neste sitio, cun total de dezasete elementos.

A presidenta do Colado do Vento, Paula Vázquez Verao, sinala que aínda non está decidido en que zona do municipio se levará a cabo esta primeira experiencia. «En Sober hai moito patrimonio sen inventariar e non vai ser fácil escoller -explica-, así que seguramente comezaromos por elementos que xa están catalogados no PXOM, pero que non figuran en Patrimonio Galego». A medida que se aproxime a data de celebración do encontro, o colectivo determinará como vai realizarse a operación.