Nove anos de camiñadas nocturnas polos cumes da Serra do Courel

A asociación Fonte do Milagro organiza esta noite unha nova ruta


monforte / la voz

A asociación cultural Fonte do Milagro organizará mañá unha ruta nocturna de sendeirismo pola Serra do Courel, unha actividade que este colectivo vén organizando todos os veráns desde o 2005. A convocatoria atrae cada vez máis visitantes, ata o punto de que os organizadores tiveron que alugar dous autobuses -en principio contaban cun só- para levar aos visitantes desde o punto de reunión, na localidade quiroguesa de Vilar de Lor, ata o Alto do Boi, onde comezará a camiñada. A reunión en Vilar de Lor foi fixada para as 21.30 horas.

O presidente da asociación, Evaristo Méndez, sinala que estas marchas atraen a afeccionados ao sendeirismo de numerosas localidades galegas. «Se fose polos visitantes, organizaríamos varias marchas durante o verán -explica-, pero non é posible porque desenvolvemos tamén outras actividades e porque preparar as camiñadas nocturnas é moi complicado». Por unha parte é necesario solicitar licenzas á Consellería de Medio Rural, por tratarse dunha época de alto risco de incendios. «E tamén hai que avisar á Garda Civil, porque pode haber veciños que se alarmen ao ver tanta xente andando de noite polo monte», agrega. Ademais, hai que trazar as rutas con moito coidado para que discorran por sitios onde non haxa risco de accidentes.

A observación do ceo nocturno nunha zona libre de contaminación lumínica é un dos grandes atractivos destas marchas. Pero aos participantes tamén lles atrae moito ver ao lonxe as vilas e aldeas iluminadas. «Como imos por sitios altos, temos unhas vistas espectaculares dos vales de Quiroga e de Lemos», di Méndez.

Encontro en Sober

Por outro lado, a asociación cultural soberina O Colado do Vento organizará esta noite -ás 22 horas- a oitava edición dos Encontros á Luz da Lúa. Estas citas non consisten en rutas de sendeirismo, senón en reunións nocturnas ao aire libre no entorno do canón do Sil que combinan recitais de música, poesía e narración oral. Nesta ocasión ofrecerase ademais unha degustación de cervexa artesá. Outras edicións do encontro celebráronse no santuario de Cadeiras, pero esta vez será no miradoiro de Santiorxo, reconstruído en tempos recentes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

Nove anos de camiñadas nocturnas polos cumes da Serra do Courel