Memoria falada de Sober

O Colado do Vento prepara un libro sobre a tradición oral do municipio


monforte / la voz

A asociación cultural soberina O Colado do Vento prepara un libro sobre a tradición oral do municipio que espera poder editar a finais de marzo. A obra dará continuidade a outras dúas publicacións do mesmo tipo que o colectivo editou hai algúns anos, pero terá unha extensión considerablemente maior. A edición, por outro lado, contará co apoio económico da Deputación, mentres que as dúas anteriores correron exclusivamente por conta da asociación.

A obra reunirá materiais recollidos por membros do Colado do Vento entre os veciños de todas as parroquias do municipio. Entre eles hai lendas e contos tradicionais, refráns, cantares, ritos, costumes e anécdotas sobre personaxes populares. Os autores da recopilación explican que puxeron especial coidado en situar xeograficamente todos estes materiais. «Tal como fixemos nas outras publicacións, neste libro tamén mencionamos os lugares onde foi recollida cada historia ou cada copla e esforzámonos por situar todos estes materiais no seu contexto, explicando por exemplo en que situación concreta oímos a un veciño mencionar un determinado refrán», sinala Alfonso Campos, responsable dunha boa parte do traballo de recollida. «Hai moitas lendas que fan referencia a paraxes moi concretas, como unha fonte, un penedo ou un petróglifo, e queremos que todos eses sitios sexan perfectamente identificables», engade.

Unha boa parte das lendas recollidas pola asociación ten por escenario a ribeira do Sil, onde abundan particularmente estas tradicións orais. «Eu teño recollidas cerca de duascentas lendas ribeirás, pero no libro imos publicar só unha parte, porque ten unha extensión limitada e hai que deixar espazo para outros materiais». comenta Campos. Por outro lado, moitas desas lendas repítense en diferentes lugares, como as que falan do fantástico salto que deu un cabalo -montado por algún personaxe lendario como o apóstolo Santiago- dunha beira á outra do Sil, deixando nunha rocha as marcas das súas ferraduras.

Un traballo longo

Alfonso Campos sinala por outra parte que moitos destes materiais foron recopilados hai xa bastante tempo. «Temos moitas cousas de hai dez ou vinte anos que hoxe sería imposible recuperar porque os veciños que nolas contaron xa faleceron», comenta. A asociación seguirá traballando neste campo tanto en Sober como noutros municipios da zona. «Hai que recoller todo o que se poida mentres quede xente das últimas xeracións que se criaron sen a televisión, que son as que conservan este patrimonio oral», conclúe Campos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

Memoria falada de Sober