Roberto Castro, alcalde de Ribas de Sil: «A Festa da Cereixa serviu para colocar este concello no mapa»

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA / LA VOZ

RIBAS DE SIL

Roberto Castro no Centro de Interpretación de Minería Romana, integrado na rede museística do xeoparque Montañas do Courel
Roberto Castro no Centro de Interpretación de Minería Romana, integrado na rede museística do xeoparque Montañas do Courel

O rexedor prevé habilitar novas infraestruturas turísticas no municipio e fomentar o asentamento de novos veciños

06 jun 2026 . Actualizado a las 04:14 h.

O municipio de Ribas de Sil celebra esta fin de semana a Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite, que chega á súa 22 edición. O rexedor Roberto Castro impulsa a organización do festexo gastronómico desde os seus inicios, cando era tenente de alcalde.

—Que balance fai da traxectoria desta festa?

—Serviu para colocarnos no mapa e para ofrecer un escaparate dos nosos produtos, que é algo moi importante para un concello de menos de mil habitantes. Os visitantes que atrae esta festa poden coñecer a praia fluvial de San Clodio e outros atractivos do municipio, e animarse a visitalo máis veces. A festa está integrada no programa Os Sabores das Nosas Rochas, do xeoparque Montañas do Courel, así que tamén axuda a dar proxección a todo este territorio.

—O ano pasado inaugurouse o cámping creado polo Concello para acoller aos visitantes do xeoparque. Como está indo?

—Cumprirá un ano en setembro e está indo moi ben. En xullo e agosto esperamos que chegue a ocuparse por completo. Hai que dicir que foi recoñecido pola Xunta como o primeiro cámping temático de Galicia, precisamente polo feito de estar enfocado ao xeoparque —por iso é denominado xeocámping— e porque nas súas instalacións está o Centro de Interpretación da Minería Romana, que está tendo moitas visitas. Vén moita xente co programa «Coñece a túa provincia», sobre todo veciños da parte norte do territorio lucense.

—Está previsto crear máis infraestruturas turísticas?

—Temos proxectado un centro de interpretación do ferrocarril, porque a capital municipal xurdiu grazas a el. Xa reunimos antigos materiais ferroviarios para mostrar nas súas instalacións e o proxecto está redactado. Este centro estará na planta baixa da Casa do Ladrillo, un edificio histórico da capital municipal que imos rehabilitar e que albergará ademais unha biblioteca, una oficina turística, outra sobre o reto demográfico e unha sala de xogos. Na planta superior había tres vivendas que tamén imos rehabilitar para ofrecer en aluguer a prezo moderado. Ao mellor conseguimos que sexan catro vivendas.

—Con este serán tres os centros de interpretación do municipio.

—Temos previsto incrementar os contidos do Centro de Interpretación do Río Sil, en Torbeo, que é o segundo que se abriu no municipio. Pero tamén estamos pensando en crear un centro de interpretación da pesca fluvial, un proxecto que aínda está no seu inicio. A pesca no Sil foi en tempos un medio de vida para moitos veciños e agora segue sendo unha actividade importante. Así que en total serán catro centros de interpretación, o que non está nada mal para un concello pequeno como este.

—Teñen outras actuacións en marcha?

—Hai moitas iniciativas previstas, grazas a que este ano o Concello ten os orzamentos máis altos da súa historia, que suman 2.033.300 euros, un 45% máis que os do 2025. Isto débese a que o Concello asumiu a xestión cautelar do monte comunal da Escrita, Cerengo e Alto do Vilar, que quedou sen comuneiros. É o primeiro de Galicia en facelo. Por este motivo, a Xunta cedeu ao Concello os fondos do monte comunal, que tiña en depósito. Con esta achega poderemos crear infraestruturas e servizos no propio monte comunal coa idea de facelo atractivo para que veñan novos veciños e que no futuro poida reconstituírse a comunidade de montes. Queremos facilitar a vida nos pequenos núcleos para que se instalen novos habitantes e na aldea da Fraga, que hoxe só ten dous veciños, imos habilitar a súa primeira iluminación pública, que funcionará con enerxía solar.

—Que outras cousas está previsto facer?

—Con estes presupostos, por unha parte, habilitaremos novas áreas de lecer. Unha delas será la chamada Horta do Cura, en Torbeo, onde está previsto construír tamén unha pista polideportiva e instalar un pequeno punto limpo. Imos facer tamén unha área recreativa xunto a residencia de maiores que poderá ser utilizada polos residentes e por todos os veciños. Neste espazo haberá unha horta que poderán cultivar os maiores. Outra actuación consistirá en construír un aseo público na praia fluvial de San Clodio que preste servizo aos visitantes cando estea pechado o restaurante que hai neste lugar. Paréceme tamén moi interesante o feito de que imos adquirir unha varredora industrial, algo que non creo que teñan moitos concellos deste tamaño.

—Poderán mellorarse tamén os servizos sociais?

—Neste aspecto temos previsto adquirir camas de hospital, guindastres e un pequeno equipamento para facilitar o traballo das auxiliares.