O programa comezará o día 12 cunha función a cargo da compañía Teatro do Miolo
09 oct 2024 . Actualizado a las 19:16 h.A compañía profesional Teatro do Miolo abrirá o próximo día 12 un ciclo de teatro —organizado polo Concello en colaboración coa Deputación— que se desenvolverá desde este mes ata decembro en Ribas de Sil. Todas as representacións, excepto unha, ofreceranse no salón de actos da casa consistorial a partir das 19.00 horas.
O programa será precedido o día 11 por unha demostración de regueifas organizada polo servizo de normalización lingüística que comparten os concellos de Ribas de Sil e Quiroga. As dúas primeiras funcións serán de compañías profesionais e o resto, de grupos de teatro afeccionado.
A continuación detállanse as actividades programadas para este ciclo, denominado Tardes de Teatro no Inverno.
12 de outubro. O grupo Teatro do Miolo representará a comedia Saíndo do cerco, dirixida a todos os públicos.
19 de outubro. A representación prevista para esta xornada non se ofrecerá en Ribas de Sil, senón no Salón Teatro de Santiago ás 18.00 horas. A obra é Terceiro acto, do Centro Dramático Galego. Ás nove da mañá sairá un autobús da praza do Concello para trasladar aos asistentes á capital galega, que poderán facer unha visita libre pola cidade ata o momento de inicio da representación. O número máximo de prazas é de 18 e o prezo da entrada é de cinco euros. Os interesados poden inscribirse nas oficinas municipais ou chamando ao teléfono 629 449 691.
2 de novembro. A compañía Pico do Castro representará a obra As mentiras teñen os pés pequenos, unha comedia apta para todos os públicos.
30 de novembro. Para esta xornada a está prevista unha función do grupo O Centiño, que representará a comedia De poucas luces, dirixida a todos os públicos-
7 de decembro. A compañía Hipócrita Teatro porá en escena a traxicomedia Arte, para un público maior de 12 anos.
28 de decembro. O ciclo pecharase coa representación da comedia O muro, do grupo O Trípode. A peza é apta para todos os públicos.