Ribas de Sil acondicionará as ruínas do antigo mosteiro de San Clodio

RIBAS DE SIL

Ruínas do antigo mosteiro beneditino de San Clodio de Ribas de Sil, fundado hai arredor de mil anos e abandonado tras a Desamortización do século XIX
Ruínas do antigo mosteiro beneditino de San Clodio de Ribas de Sil, fundado hai arredor de mil anos e abandonado tras a Desamortización do século XIX ROI FERNÁNDEZ

A intervención correrá a cargo dun dos tres campos xuvenís de traballo que actuarán este verán nos municipios do xeoparque Montañas do Courel

16 may 2021 . Actualizado a las 13:13 h.

O xeoparque Montañas do Courel contará este verán con tres campos xuvenís de traballo financiados pola Dirección Xeral de Xuventude que se encargarán de acondicionar para as visitas turísticas tres lugares de interese situados en cada un dos tres concellos que conforman o territorio. No municipio de Quiroga —como xa anunciou o goberno local nos pasados días—, o campo dedicarase a acondicionar unha ruta de sendeirismo en torno ao castro de Penadominga. En Folgoso do Courel, os voluntarios limparán de maleza o castro de Vilar, que xa foi obxecto dunha operación deste tipo hai tres anos.

O campo de traballo de Ribas de Sil, por outro lado, dedicarase á limpeza e ao acondicionamento das ruínas do mosteiro de San Clodio, situado no entorno da capital municipal. Fundado hai arredor de mil anos, o cenobio foi doado no século XII á orde beneditina, que o posuíu ata a Desamortización do século XIX. O mosteiro foi restaurado en 1604 polo abade Afonso de Solís, segundo reza unha inscrición que se conserva nun pórtico de estilo renacentista, un dos restos que quedan desta construción. Desde o goberno municipal resaltan o especial interese histórico deste mosteiro, que foi visitado en 1610 polo eclesiástico Diego de Guzmán —confesor da raíña Margarita de Austria— quen deixou un relato escrito dunha peregrinación a Santiago que realizou nesa época por encargo do rei Felipe III. Esta obra foi editada no 2015 polo historiador Julio Vázquez Castro baixo o título La peregrinación a Santiago de Diego de Guzmán e constitúe unha das raras descricións históricas que se conservan do Camiño de Inverno.

O Concello de Ribas de Sil ten previsto integrar as ruínas do mosteiro de San Clodio nun itinerario que pasará tamén polos restos da capela renacentista de San Antonio —descubertos no 2018— e por un afloramento de grauvaca —unha rocha sedimentaria— que figura entre os lugares de interese xeolóxico do xeoparque.