O tradicional festexo, que será o próximo día 11, irá precedido de varias actividades culturais
03 nov 2026 . Actualizado a las 18:54 h.A capital municipal de Quiroga celebrará o próximo día 11 a súa tradicional festa de San Martiño, que será precedida de diversas actividades culturais. O programa comezará o día 6 —ás 19.00 horas— coa proxección do documental Prisciliano e a Gallaecia, de Aser Álvarez, que será presentado polo historiador Diego Piay Augusto, autor do libro Prisciliano. Vida y muerte de un disidente en el amanecer del Imperio cristiano, que foi presentado neste mesmo lugar en xullo do 2019. Piay, que participa no flme, considera que o célebre Crismón de Quiroga, unha peza de arte paleocristiá descuberta en 1889 na igrexa da parroquia da Ermida, é un testemuño da propagación do priscilianismo na antiga Galicia. Despois da proxección do documental, que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación lucense, abrirase un coloquio aberto a todos os interesados.
O día 7 —a partir das 18.00 horas—, o auditorio municipal acollerá a representación da obra Inquisítame outra vez, da compañía Lume Escénico, incluída no circuíto de teatro afeccionado da Deputación. Para o día 9 —ás 19.00 horas— está previsto o espectáculo Aínda estamos de festa, a cargo do humorista Pepo Suevos e o músico Dani Dopazo. Esta función, que se ofrecerá na Casa de Cultura, forma parte da programación do ciclo O Teu Xacobeo, promovido pola axencia Turismo de Galicia.
O día 10 —no mesmo lugar e co mesmo horario— ofrecerase o espectáculo musical O Camiño das vieiras amarelas, de Antonio Barros e iAlma, que combina as tradicións do Camiño de Santiago e o camiño de baldosas amarelas do filme O mago de Oz. Esta representación está tamén incluída no programa O Teu Xacobeo.
O propio día da festa de San Martiño, o 11, oficiarase unha misa a partir das 11.00 horas e a imaxe do santo será portada pola zona da praza Maior. As 19.00 horas comezará neste mesmo espazo un magosto popular e ás oito comenzará unha actuación musical de DJ Michael.