O maior festival de narración oral de Galicia fai parada en Quiroga por primeira vez

La Voz QUIROGA / LA VOZ

QUIROGA

María de Pontragha e Miguelón Paz serán os encargados de animar os contos de taberna
María de Pontragha e Miguelón Paz serán os encargados de animar os contos de taberna CONCELLO DE QUIROGA

Cun roteiro ecolóxico pola aldea de Vieiros que inclúe un espectáculo de contos de tabernas. Haberá autobús gratuíto dende a vila

07 jul 2026 . Actualizado a las 20:24 h.

A aldea de Vieiros, no corazón da serra do Courel, acollerá este venres 10 de xullo unha das xornadas da programación do Festival Atlántica, o maior encontro internacional de narración oral e contacontos de Galicia. O Concello de Quiroga, que colabora por primeira vez no certame, porá á disposición dos asistentes un microbús de balde para facilitar o desprazamento dende o núcleo urbano.

O festival, que naceu en Santiago no ano 2013, celébrase este ano do 26 de xuño ao 10 de xullo con 64 artistas en espazos patrimoniais de 33 localidades galegas. A programación inclúe narradores de Portugal, Colombia, Huelva, Zamora, Navarra e, por suposto, Galicia, nunha aposta clara pola descentralización cultural que leva a arte a cidades, vilas e pequenas parroquias rurais.

Dúas sesións na Aira de Vieiros

A xornada correspondente ao municipio de Quiroga desenvolverase na Aira de Vieiros con dúas actividades diferenciadas.

Ás 17:00 horas, Miudiño S. Cooperativa proporá o roteiro ecolóxico «A fala da montaña», unha actividade especialmente indicada para público familiar na que, a través da observación, o xogo e a narración, os participantes descubrirán a riqueza paisaxística, o patrimonio local e as lendas que agocha a montaña.

Xa ás 20:00 horas, María da Pontragha e Miguelón Paz ofrecerán «Contos de tascas, tabernas e outros tugurios», unha sesión de narración oral ambientada neses espazos de encontro veciñal onde xorden historias entre camaradas, cheas de personaxes cotiáns, crenzas e relatos que convidan ao riso e ao canto.

Transporte gratuito e prazas limitadas

As Concellerías de Dinamización Lingüística e Participación Cidadá organizaron un servizo de microbús con saída da Casa da Cultura de Quiroga ás 15:45 horas e regreso previsto para as 22:00 horas. A viaxe é completamente de balde, aínda que as prazas son limitadas e requiren reserva previa no teléfono 657014555. Os menores de idade deberán asistir obrigatoriamente acompañados dunha persoa adulta.

O concelleiro Xosé Manuel Fernández animou á veciñanza e visitantes a participar nesta iniciativa e salientou a importancia de "levar a cultura ao rural poñendo ademais en valor a vida e o patrimonio histórico e natural das nosas aldeas".

O Festival Atlántica conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a Área de Cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Ademais do Concello de Quiroga, colaboran a S. Cooperativa Miudiño, Proxecto Vieiros e o Pacto Cultura Sustentable.