A Seara foi escenario dunha emisión do proxecto RadioVisual do Patrimonio
24 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O centro de música de raíz da Fundación Legar na aldea quiroguesa da Seara foi escenario o pasado venres da última emisión desta primavera de RadioVisual do Patrimonio, un proxecto de dinamización cultural promovido pola compañía Casa de Tolos e a asociación Ponte... nas Ondas! co apoio da Axencia Galega de Industrias Culturais ( Agadic). Na actividade participaron alumnos e profesores do colexio público de Quiroga.
Durante a emisión, o músico e artesán Xavier Blanco —responsable da Fundación Legar xunto coa súa dona, Martina Ferradás— explicou aos rapaces as características do centro, onde se expoñen numerosos instrumentos musicais de toda Galicia xunto con outros elaborados polo propio artesán seguindo modelos tradicionais. Os alumnos, pola súa parte, prepararon diversos contidos relacionados co patrimonio cultural. Na actividade participou tamén unha veciña chamada Mabel, quen «trouxo estampas da memoria doutros tempos, cando nin a luz eléctrica chegaba aínda ao lugar», sinalan desde a fundación. Outro participante foi o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, quen respondeu a preguntas formuladas polos alumnos e agradeceu a Blanco por ter escollido esta localidade para crear o centro de música de raíz.
Unha vasta colección
Segundo explicou Xavier Blanco aos alumnos que participaron na emisión de RadioVisual do Patrimonio, a amplitude do proxecto da Fundación Legar impide que no seu centro da Seara poida expoñerse ao mesmo tempo toda a súa colección, formada por máis de 1.200 instrumentos recollidos durante máis de catro décadas de investigación, así como numerosos arquivos sonoros, partituras e materiais audiovisuais. Nas súas salas, polo tanto, móstrase unha selección de arredor de medio millar de pezas que van mudando ao longo dos meses co obxectivo de mostrar aos visitantes a maior parte posible deste patrimonio.
Desde a Fundación Legar sinalan por outro lado que o feito de ter escollido a aldea de Seara para crear este centro de música de raíz —que abriu as súas portas en novembro do 2024— débese a que esta localidade «representa en si mesma un conxunto de interese etnográfico de valor referencial».
Unha xornada difundida en directo por internet e seguida en escolas de Portugal
A emisión de RadioVisual do Patrimonio realizada desde A Seara puido seguirse en directo por internet a través da web oradiovisual.com e das páxinas pontenasondas.org e escolasnasondas.com. A gravación da actividade pode verse nestas direccións. A xornada foi seguida por alumnos e profesores do Agrupamento de Escolas de Monção, en Portugal, que enviaron un saúdo á Seara.
Antes da xornada celebrada en Quiroga, ao longo deste ano realizáronse outras emisións encadradas neste proxecto desde os municipios de San Cristovo de Cea, Muros, Ribeira de Piquín e Castro de Rei. A iniciativa conta co apoio da Agadic a través do programa Territorio Cultura, que ten por obxectivo ampliar e diversificar a oferta cultural nas áreas rurais.
Recoñecemento da Unesco
A asociación Ponte... nas Ondas! leva máis de tres décadas dedicada á divulgación do patrimonio cultural inmaterial galego e portugués mediante diferentes iniciativas. En decembro do 2002 , a entidade foi recoñecida pola Unesco como modelo de boas prácticas na difusión do patrimonio cultural inmaterial.