Sete concellos do sur lucense acollen actividades para celebrar o Día das Letras Galegas

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

QUIROGA

Vero Rilo actuará o sábado na Pobra do Brollón
Vero Rilo actuará o sábado na Pobra do Brollón José Manuel Casal

Desde este xoves ata domingo haberá citas organizadas por diferentes entidades

14 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Xunto cos actividades que xa anunciaron os concellos de Monforte e Quiroga para celebrar o Día das Letras Galegas, noutros municipios do sur da provincia están programadas diferentes citas para conmemorar durante os próximos días esta data, dedicada á escritora Begoña Caamaño. Estas son actividades previstas: 

Bóveda

Día 14. No centro sociocultural representarase ás 12.30 horas o espectáculo Mitos, lendas e cantigas (homenaxe a Begoña Caamaño), do cantor e compositor Servando Barreiro. 

 Sober

Día 15. O municipio acollerá a primeira edición da Romaría das Letras Galegas, organizada polo colectivo Lemos Le, integrado polas bibliotecas escolares dos centros públicos de ensino primario e secundario da comarca de Lemos, así como as bibliotecas públicas municipais e a Federación das Librarías. A xornada, dedicada a Begoña Caamaño, comezará ás 11.00 horas e reunirá aos alumnos de diferentes centros educativos da comarca e usuarios das bibliotecas públicas. Na actividade participará tamén o colexio público de Oural, no municipio de Sarria. 

 Quiroga

Día 15. O BNG organizará ás 20.00 horas un acto na Casa de Cultura que comprenderá unha conferencia da escritora Olga Novo, natural da Pobra do Brollón, acerca de «Begoña Caamaño, a muller que inventaba o mundo». Segundo os organizadores, a conferenciante fará un percorrido pola obra literaria desta autora «para profundar na reescritura dos mitos desde unha perspectiva feminista pero tamén en conexión co seu compromiso social coa realidade galega». 

 Chantada

Día 16. A asociación Polamiúda organizará na praza do Cantón unha homenaxe á protagonista do Día das Letras Galegas que consistirá nunha lectura pública compartida da súa novela Circe ou o pracer do azul, publicada no 2009, na que se revisa a mitoloxía grega desde un punto de vista feminista. O acto comezará ás 11.00 horas e durará toda a xornada. A entidade organizadora anima á veciñanza a «participar e achegarse a escoitar esta fermosa obra». 

 A Pobra do Brollón

Día 16. Ás 13.00 horas descubrirase na Casa de Cultura unha placa conmemorativa dedicada aos actores de teatro popular da parroquia de Salcedo. Ás 20.00 horas representarase no mesmo local o espectáculo As mil e unha, da narradora oral Vero Rilo e o músico Luís Iglesias, creado expresamente para celebrar o Día das Letras Galegas deste ano. 

 Taboada

Día 16. Ás 19.00 horas representarase no Cuartel Vello o espectáculo Risas con perspectiva feminista, da compañía Sobria e Serena, formada por Jazmín Abuín e Arantxa Treus.

 Día 17. No mesmo local proxectarase ás 20.30 horas o filme Antes de Nós, dirixido por Ángeles Huerta, que recrea a relación entre Castelao e a súa dona, Virxina Pereira. 

 Ribas de Sil

Día 17. No salón de actos da casa consistorial comezará ás 18.00 horas un acto que comprenderá, en primeiro lugar, unha charla sobre Begoña Caamaño a cargo da escritora e profesora Celia Díaz Núñez. Seguidamente, a escritora Pura Tejelo Núñez presentará o libro XXXIII contos e o último gaiteiro, de Manuel Cao Rodríguez. Por último, o grupo de música tradicional Foles da Lúa interpretará o himno galego e despois actuará nas rúas de San Clodio.