No sur da provincia lucense recolléronse ata agora máis de 14.000 topónimos

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

QUIROGA

Nomes de lugar en letreiros indicadores da ruta do Camiño do Ferradal, en Quiroga
Nomes de lugar en letreiros indicadores da ruta do Camiño do Ferradal, en Quiroga CARLOS RUEDA

A Real Academia Galega e a Xunta impulsarán este ano unha campaña en Quiroga dentro do proxecto Toponimízate

05 may 2026 . Actualizado a las 05:05 h.

O municipio de Quiroga é un dos tres da provincia de Lugo — xunto con Baleira e Paradela— onde se levará a cabo a campaña deste ano do proxecto Toponimízate, que ten o obxectivo de recompilar o maior número posible dos chamados microtopónimos, é dicir, os nomes de pequenos lugares de uso local e tradicional. O 28 de agosto —a partir das 19.00 horas— celebrarase na Casa de Cultura un acto no que se explicará como participar nesta iniciativa, que se desenvolve principalmente coa axuda de voluntarios.

Desde o ano 2017, as campañas organizadas dentro deste proxecto —impulsado pola Real Academia Galega e Secretaría Xeral da Lingua— realizáronse noutros seis concellos do sur da provincia: Sober, Folgoso do Courel, O Incio, Pantón, A Pobra do Brollón e Chantada. En todos os municipios do territorio, por outro lado, leváronse a cabo recollidas de microtopónimos por parte de voluntarios que foron publicados na plataforma dixital Galicia Nomeada. Na actualidade están consignados 14.051 nomes de lugar, pero o seu número é moi desigual dependendo dos concellos. O que máis ten por agora é o de Pantón, con 4.213, e o que menos, o de Ribas de Sil, con 88. 

Traballo de voluntarios

O filólogo Vicente Feijoo Ares, coordinador do proxecto, sinala que estas diferenzas «débense a que algúns concellos contrataron no seu día persoas que se encargaron de facer estas recollidas, mentres que noutros casos o labor foi feito unicamente por voluntarios traballando pola súa conta». Con xornadas como a que se celebrará en agosto en Quiroga, engade, o que se pretende é animar aos voluntarios a que colaboren na iniciativa e axuden a seguir incrementando o número de microtopónimos documentados no territorio. «Poden participar persoas particulares, asociacións e tamén centros educativos», precisa Feijoo.

A Arqueira, Cerdeiriñas, As Cochorras, Farga Vella, Labeixos, Fonte do Bulleiro, A Mensuada, Mounelas, Penas Albas, Rocaboa, Suapedra, O Teso da Valella, Valmerín, Xan Criado ou Xinxeira son algúns dos microtopónimos recollidos ata agora no municipio de Quiroga, que suman 539. Os responsables do proxecto Toponimízate consideran que ten que haber moitos máis. «É un concello con moita superficie e os nomes de lugar que se recolleron ata hoxe son moi poucos en comparación con outros», apunta Vicente Feijoo.

Algúns destes topónimos figuran na web Galicia Nomeada como «pendentes». Segundo explica o coordinador, trátase de nomes de lugar que aínda non foron validados de maneira definitiva. «En certos casos non é seguro a que lugar concreto pertence o nome e noutros hai dúbidas porque os informantes recolleron os topónimos de diferentes formas», comenta Feijoo.

O feito de ter elixido o municipio de Quiroga para desenvolver unha das campañas deste ano, apunta por outro lado o coordinador, débese á considerable extensión do seu territorio e tamén ao envellecemento da poboación. «En moitos casos, os topónimos tradicionais só son recordados por algunhas persoas de idade avanzada e hai que impulsar a súa recollida antes de que se perdan», apunta Feijoo. Outro dos motivos para escoller os municipios nos que se organizan estas xornadas, agrega, «é que os gobernos locais mostraron interese por sumarse a este iniciativa, como é o caso de Quiroga», sinala.

A persoas que desexen colaborar neste proxecto como voluntarios poden facelo a través da web galicianomeada.xunta.gal ou ben poñerse en contacto cos responsables mediante o correo electrónico toponimia@academia.gal e o teléfono 881 995 322.