Quiroga conta cunha nova centenaria entre os seus veciños

La Voz

QUIROGA

María Pena López (no centro) celebrou o seu 100 aniversario no centro social de Quiroga
María Pena López (no centro) celebrou o seu 100 aniversario no centro social de Quiroga CEDIDA

María Pena López celebrou o seu centésimo aniversario no centro social do Concello

09 may 2025 . Actualizado a las 10:38 h.

O centro social do Concello de Quiroga acolleu este mércores a celebración do centésimo aniversario de María Pena López, que naceu o 7 de maio de 1927 na localidade de Parteme, pertencente á parroquia de San Lourenzo de Nocedo. A dirección do centro, onde acude diariamente a xogar ás cartas, quixo homenaxeala cun festexo no que participaron varios familiares e amigos.

A nova centenaria foi felicitada tamén polos concelleiros de Servizos Sociais, Igualdade e Xuventude —respectivamente Xosé Manuel Fernández, Maite Pérez e Luis Manuel Arias— que lle entregaron unha unha placa conmemorativa e un ramo de flores, «en nome de todos os veciños e veciñas de Quiroga en recoñecemento á súa lonxevidade e o bo estado de saúde do que goza», segundo explican desde o Concello.

Os responsables municipais apuntan tamén que María Pena «traballou arreo nos labores do campo para sacar adiante as fillas, xa que quedou viúva moi nova» e «lembra que a vida de antes era moi escrava e había que traballar moi duro para poder axudar na casa de seus pais». A veciña centenaria —engaden— di que o segredo para alcanzar esa lonxevidade está en «comer e durmir ben, e sobre todo non lle facer mal a ninguén».

As portas da casa de María Pena en Parte, din así mesmo desde o Concello, «sempre estaban abertas para todo o mundo, xa que sempre lle gustaba moito recibir a visita de amigos e familiares, eE o mesmo segue facendo na súa casa de Quiroga a onde se trasladou a vivir coa súa familia hai dezaseis anos e onde fixo moi bos amigos».