Unha exposición que irmana dúas igrexas de Quiroga e Castro Caldelas

La Voz

QUIROGA

Un momento da apertura da exposición, que estará aberta ata o día 22 na igrexa da parroquia de Hospital de Quiroga
Un momento da apertura da exposición, que estará aberta ata o día 22 na igrexa da parroquia de Hospital de Quiroga CEDIDA

A mostra organizouse co motivo da coroación canónica das imaxes da Virxe dos Remedios que se conservan nos dous templos

19 ago 2024 . Actualizado a las 11:21 h.

Na igrexa do Salvador, na parroquia de Hospital —no municipio de Quiroga— foi inaugurada este mércores a exposición «Coroas de santidade», organizada con motivo das coroacións canónicas das imaxes da Virxe dos Remedios que se custodian neste templo e en Castro Caldelas. A mostra foi preparada polo historiador Manoel Carrete e o párroco Jesús Río Ramilo. Os dous santuarios —sinalan os organizadores— foron irmandados no 2023 e desde entón «están a realizar conxuntamente unha prolífica actividade cultural e pastoral».

A exposición comprende, por unha parte, varias obras do escultor ourensán Acisclo Manzano —que asistiu á inauguración— e do artista malagueño Francisco Naranjo. No acto participaron ademais a cantante María do Ceo e os escritores Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes, xunto cos alcaldes de Quiroga e Castro Caldelas, e veciños de ambos municipios. A mostra poderá visitarse ata próximo día 22, de 18.30 a 19.30 horas.

Segundo explica o párroco Jesús Río, a exposición ten tamén o obxectivo de rememorar a varios personaxes históricos das dúas comarcas que tiveron relación coa Igrexa. Un deles é Luis de Losada, un xesuíta natural da parroquia da Ermida que viviu entre os séculos XVII e XVIII, e foi escritor e catedrático da Universidade de Salamanca. Outro destes personaxes é Antonio López de Guadalupe, natural de Castro Caldelas, que foi médico persoal da raíña Isabel a Católica e do seu neto, o emperador Carlos I. Na exposición recórdase tamén a figura do relixioso caldelao José Francisco Jesús María —de entre os séculos XVI e XVII—, que foi cronista e xeneral da orde dos carmelitas e editou por primeira vez os escritos de san Xoán da Cruz. A mostra está dedicada tamén a José Francisco Losada, bispo de Mondoñedo no século XVIII.