Volven as festas dos Anguieiros e o seu campionato de bolos

Sandra Blanco, F. A.

QUIROGA

Un momento dunha edición anterior do campionato de bolos organizado na aldea dos Anguieiros pola asociación Boca do Monte
Un momento dunha edición anterior do campionato de bolos organizado na aldea dos Anguieiros pola asociación Boca do Monte ROI FERNÁNDEZ

A asociación Boca do Monte celebrará esta fin de semana os tradicionais festexos en honra a María Madalena no municipio de Quiroga

27 jul 2023 . Actualizado a las 13:13 h.

A asociación Boca do Monte celebrará esta fin de semana as tradicionais festas da Madalena na localidade dos Anguieiros, na parroquia de Montefurado, pertencente ao municipio de Quiroga. Os festexos debían terse celebrado a pasada fin de semana, pero a asociación organizadora decidiu aprazalos para que non coincidisen coas eleccións xerais.

O programa de actividades comprende un percorrido guiado pola contorna, un campionato de bolos, xogos infantís, unha merenda popular, unha foliada, unha presentación literaria e actos relixiosos en honra de María Madalena. Os organizadores das festas contan co apoio económico do Concello de Quiroga e a colaboración da área de Cultura da Deputación. A continuación detállanse os horarios previstos para as diferentes actividades destas xornadas:

Sábado 29. Ás 9.30 horas comezará un percorrido guiado desde Os Anguieiros ata o lugar da Balsada. O regreso ao punto de partida farase pasando polo lugar da Enciñeira ou ben percorrendo o camiño en sentido inverso. A partir das 17.30 horas haberá unha serie de xogos infantís tradicionais que comprenderán a chave, a billarda, os bolos celtas, o tiro de corda e paseos en zancos. Seguidamente haberá xogos con globos de auga. As 17.30 horas presentarase o libro Bendollo sempre na memoria, de Xerardo Rodríguez, escritor con raíces familiares nos Anguieiros. Ás nove da noite haberá unha merenda popular e unha foliada con grupos de música tradicional O Ventosiño e Abertal.

 Domingo 30. Ás dez da mañá comezará a undécima edición do campionato de bolos celtas organizado pola asociación Boca do Monte, con premios para homes e mulleres. Ás doce e e media haberá unha alborada co grupo Abertal e a partir da unha celebraranse unha misa e unha procesión en honra a María Madalena. Para rematar, ás dúas da tarde servirase aos asistentes un aperitivo acompañado por unha nova actuación de Abertal e entregaranse os premios dunha rifa organizada polos promotores dos festexos.