Quiroga acolle este sábado a segunda «Ruta do Terror»

La Voz

QUIROGA

O barrio de Pacios de Mondelo é un dos lugares polos que pasará a ruta
O barrio de Pacios de Mondelo é un dos lugares polos que pasará a ruta ALBERTO LÓPEZ

A actividade comezará ás 20.00 horas no pavillón municipal e os participantes realizarán un percorrido de catro quilómetros 

29 oct 2021 . Actualizado a las 11:22 h.

Cerca de cincocentas persoas están inscritas para participar en Quiroga na segunda edición da chamada Ruta do Terror ou Qui-Medo, un festexo organizado pola mesma asociación que promove a festa de ambientación romana Qui-Roma. Os participantes, aos que se pide que vaian disfrazados, reuniranse ás 20.00 horas deste sábado no pavillón deportivo municipal, onde haberá unha presentación da actividade e onde serán repartidos os pases e os mapas para realizar un percorrido polo casco urbano, o paseo fluvial e o barrio de Pacios de Mondelo. Durante o percorrido, os participantes farán paradas en seis «casas do terror». Estes lugares denomínanse «A palleira», «O circo do terror», «A vinganza da matanza», «A prisión zombie», «A mansión dos vampiros» e «A casa maliciosa». A ruta ten unha lonxitude de catro quilómetros e completala pode levar entre dúas e tres horas. A actividade terminará cunha festa no pavillón municipal, onde se ofrecerá chocolate a todos os participantes e haberá premios para os mellores disfraces individuais e colectivos.

Os organizadores sinalan que os menores de 12 anos deberán ir acompañados e que as «casas do terror» non son adecuadas para «menores de 12 anos aprensivos».