Lemos: Quiroga premia as mellores imaxes do xeoparque Montañas do Courel
Entregan os galardóns do primeiro certame fotográfico dedicado especificamente este territorio
Fotografías premiadas no primeiro concurso Xeoparque Montañas do Courel
quiroga / la voz
Coincidindo coa celebración do Día de Galicia, o Concello de Quiroga entregou onte os premios do primeiro concurso de fotografía Xeoparque Montañas do Courel, convocado coa finalidade de resaltar e divulgar os valores naturais e culturais deste territorio. O primeiro premio do certame correspondeu á imaxe Val do Lor con néboa, realizada por Álvaro Rodríguez González; o segundo foi para O Courel esquecido, unha fotografía de Lois Prada Ferrer, e o terceiro recaeu en Meandro del Sil en la aldea de A Cubela, de Alejandro Manteiga Mesías, quen por outro lado traballa como técnico do departamento de sistemas deste diario.
Os premios están dotados respectivamente con douscentos, cen e cincuenta euros. Os premiados recibiron os seus galardóns na casa consistorial de mans do alcalde Julio Álvarez e da concelleira de Xuventude, Ana María Nogueira. Os responsables municipais e os fotógrafos, por outro lado, asistiron na Casa de Cultura á inauguración dunha exposición que recolle a totalidade das imaxes presentadas ao certame, tomadas en diferentes lugares do territorio do xeoparque, que abranxe os municipios de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil. A exposición permanecerá instalada neste local durante varias semanas.
Outros actos
A celebración do 25 de xullo de xullo en Quiroga comprendeu ademais unha recepción aos colectivos culturais e interpretacións de música tradicional galega a cargo dos grupos O Recanto e Os Caliqueños.
Comentarios