Experiencias escolares ao longo de todo o curso

> Cristóbal Ramirez

QUIROGA

Os alumnos de Quiroga miran ao Courel
Os alumnos de Quiroga miran ao Courel

Diversos proxectos pedagóxicos e educativos danlles personalidade a moitos centros

27 mar 2019 . Actualizado a las 09:38 h.

Non son todos, pero si a enorme maioría. Os colexios e institutos galegos celebraron do 11 ao 14 de marzo a Semana da Prensa na Escola, pero ademais están metidos en mil e un proxectos pedagóxicos, e xa que logo educativos, do máis dispar. Os que veñen a continuación son unha mera mostra recolleita por Galicia adiante.

 No CEIP de Rubiáns

Conchi Barreiro asegura que nunca se lle quita o sorriso da boca. «Refírome a cando estou aquí no colexio, eh?». E non para de gabar o traballo constante que levan a cabo «nun ambiente moi bo» entre os 18 profesores (catro deles compartidos) e que lles fixo gañar tres premios nacionais. A muller quedou namorada do centro en canto botou unha ollada ao enorme patio traseiro, con árbores e terreo máis que de sobra para andar, correr e absorber enerxía.

Isto é o CEIP de Rubiáns, construído nunha zona ao remate dun pequeno polígono industrial, afastado de Vilagarcía de Arousa por uns montes merecedores de mellor trato. Isto é, tamén, os dominios de Sabela, a mascota do colexio: un esquío que cada ano protagoniza mil e unha aventuras. E así como noutro curso todas estaban, por exemplo, relacionadas co mar -incluíndo, por suposto, os efectos positivos de comer moluscos e peixes-, neste Sabela coñece Galicia, que é o slogan que elixiron. Igual que anos antes foi «Sabela viaxa polo tempo» ou «O bosque de Sabela», por seguir citando exemplos.

As paredes interiores do edificio parecen non existir: están todas cubertas por grandes e enormes murais, máis destes últimos que dos primeiros. A actividade é constante, e Uxía pide saír dunha clase para sorprender no corredor ao xornalista e, mural en man, explicarlle de que vai iso das cancións populares. Esa hiperactividade que non parece estresar aos 160 alumnos inclúe participar en Voz Natura -unha das iniciativas deste xornal dedicadas ao mundo do ensino- e mais en Prensa-Escuela, o proxecto dentro do cal se edita este suplemento. «Os xornais lémolos os mércores, e analizámolos criticamente», asegura Conchi.

 Mirando ao Courel desde o CEIP de Quiroga

O cento e medio de alumnos do CEIP de Quiroga toman moi a peito a defensa e promoción das montañas do Courel como xeoparque, algo que a Unesco pode declarar cando avance a primavera. Pero só é unha posibilidade, non algo que xa estea feito, e por iso non queren baixar a garda: todas as actividades desenvolvidas neste curso e que inclúen cousas tan diversas como o entroido e o Día da Paz, teñen esa reivindicación como referencia. O cal quere dicir que a rapazada ten un coñecemento desas montañas que para si quixese un adulto de fóra do ámbito dos tres concellos que están a traballar a prol de acadar esa declaración: Ribas de Sil, Folgoso e Quiroga. A competencia externa, sexa dito de paso, non é das menores: Granada.

«Temos ata un hashtag», di Ana, unha da vintena escasa de membros do profesorado. É #montañasdocourel. E no paseo polas clases a presenza desa petición ata esmaga: murais, prismáticos para explorar o territorio (cada alumno fixo o seu), debuxos, mesmo postais de Nadal... O CEIP, dende logo, púxose as pilas e non só saíron a ver o máis que notable museo xeolóxico local, senón que fixeron mesmo unha película e polo Samaín elaboraron contos de medo que tiñan que ter como escenario os lugares do xeoparque. «E xa por facer, unha profesora fixo ata un trivial sobre O Courel», engade Ana, mentres Pili Alonso ratifica e engade que no entroido deste mes tiñan como referencia unha representación do demo moi enraizada na cultura popular local: o meco da Ermida. «Dámoslle valor ao noso», rematan.

O Pasaporte Solidario do colexio Jorge Juan de Fene

O colexio Jorge Juan, un histórico de Fene, é unha cooperativa de profesores. Non hai uniforme externo, pero si interno: o voluntariado é algo común a todos os alumnos. Non compiten, pero ata dá a sensación de que intentan amosar máis dispoñibilidade co veciño. A ringleira de actividades é sinxelamente moi grande, e unha enorme parte do mérito hai que atribuírllo a unha exalumna e hoxe profesora do centro, Marta Fariña.

Corenta e catro dos alumnos da ESO participan no Pasaporte Solidario, un proxecto da Xunta de Galicia inspirado nunha idea dinamarquesa. Josu Arnoso, de 2.º, e Nadia Mardaraz, de 3.º, queren ir máis aló. «Colaboramos con Arraigo doando alimentos e artigos sanitarios», di el. «Queremos facer unha asociación destinada a mellorar o benestar físico e mental da xente de Arraigo», completa ela. E coinciden os dous: «No prazo dun mes queremos que se unan ao proxecto os outros 42 compañeiros que están no Pasaporte Solidario». Unha dobre iniciativa, a do Pasaporte Solidario e a da asociación, que conta co apoio de Marta Fariña.

A primeira volta ao mundo no Pablo VI da Rúa

Hai algúns centros metidos terra a dentro que miran cara ao mar. Como é o caso do Pablo VI da Rúa. Porque os seus alumnos están traballando nada menos que coa viaxe de circunvalación á Terra protagonizada por Magalhães e, sobre todo, por un piloto que tomou o mando cando o mariño portugués morreu: Juan Sebastián Elcano. E é que este ano hai medio século desa circunvalación. Xa recibiron cartas de apoio. Entre elas, do rei de España, Felipe VI. A multitude de actos que se levaron a cabo no Pablo VI rematarán na súa semana cultural, despois das vacacións de Semana Santa. Todo un exemplo.

> ACTIVIDADES

Só unha pregunta: Por que es solidario (ou por que non)?